Desconfianza sobre as intencións de Ferroatlántica tras o revés
Os grupos políticos falan de vixiar que a empresa cumpra cos termos dunha concesión fundamental para a Costa da Morte.
As forzas políticas non aceptan "represalias" nin "ameazas".
O conselleiro de Economía e Industria de Galicia, Francisco Conde, subliñou este xoves que a Xunta velará polo cumprimento da concesión e apelou ao diálogo entre Ferroatlántica e os traballadores da compañía.
A preguntas dos medios sobre posibles repercusións tras a decisión da Xunta de denegar a Ferroatlántica a segregación de actividades para poder vender as centrais hidroeléctricas, Conde explicou que a situación "no ámbito das relacións laborais", ao seu xuízo, "necesita o diálogo". "É o principio reitor entre empresa e traballadores", abundou.
O titular de Economía defendeu a decisión adoptada o mércores sobre Ferroatlántica. "Foi aplicar a lei" e "dar unha resposta a unha solicitude exposta pola empresa que non se axusta a dereito", puntualizou.
REPRESALIAS INACEPTABLES
En Marea destacou este xoves que vixiará que "se cumpran todos os termos da concesión" a Ferroatlántica e considera "inaceptable" que a empresa poida adoptar represalias tras a decisión da Xunta de denegar a segregación de actividades para poder vender as centrais hidroeléctricas.
En rolda de prensa, o portavoz de En Marea, Luís Villares, criticou que "agora se poñan en cuestión postos de traballo e a viabilidade do plan industrial". Por iso, subliñou que a súa formación estará "vixiante" para que "se cumpra en todos os seus termos" a concesión, con especial fincapé na creación de emprego "con garantías".
"A EMPRESA TEN MARXE"
O portavoz socialista na Cámara galega, Xoaquín Fernández Leiceaga, cualificou como "decisión positiva" a tomada pola Xunta.
Cuestionado sobre o recurso anunciado pola empresa, o socialista comentou que estes procesos "hai que resolvelos de acordo á legalidade existente", pero existe "unha vinculación de inicio da actividade das centrais á industrial".
"Mentres iso se preserve, a empresa ten unha marxe de actuación. Se iso non se preserva non vai poder seguir coa concesión das centrais", concluíu.
REACCIÓN "LAMENTABLE"
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cualificou de "lamentable" a reacción de Ferroatlántica tras coñecerse a resolución da Xunta. "Pensa que Galicia é a súa leira particular, ameazándonos porque non lle permitimos unha venda que sería ilegal".
Así mesmo, instou ao Goberno galego a esixir a Ferroatlántica que os beneficios que ofrecen as centrais hidroeléctricas sexan reinvestidos na comarca para "renovar as fábricas" e "crear emprego".
Escribe o teu comentario