Leiceaga non anunciará se se presenta ás primarias antes de que se convoquen
O portavoz parlamentario do PSdeG di que "reflexiona seriamente" se dar o paso e que aínda "hai tempo".
Leiceaga di que "hai un tempo para apurar a reflexión".
O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, ratificou este mércores que "reflexiona seriamente" presentarse ás primarias do seu partido, pero axustarase aos tempos e anunciará a súa decisión cando corresponda.
"Eu son respectuoso coas formalidades. As primarias non están convocadas e anunciar que te vas presentar a algo que non está convocado non forma parte dos meus hábitos. Hai un tempo para apurar a reflexión e, cando toque, anunciarei a miña decisión", sentenciou, nunha entrevista coa Radio Galega.
Leiceaga defendeu que o PSdeG ten "a obrigación de construír unha alternativa de esquerda ás políticas do PP en Galicia", á vez que subliñou que agora o PSdeG está "máis estabilizado", unha situación que vincula coa vitoria de Pedro Sánchez.
Ao seu xuízo, que Sánchez volva estar á fronte da Secretaría Xeral contribúe a que o partido teña "unha dirección clara, un rumbo", o que axuda a que en Galicia a formación estea tamén "máis tranquila".
Escribe o teu comentario