Os vendedores da ONCE xa poden cobrar con tarxeta
Contan coa maior rede mundial de TPV completamente accesibles e adaptados, preto de 20.000 repartidos por toda España.
Os vendedores contan xa con TPV accesibles e adaptados.
Os clientes dos preto de 20.000 vendedores da ONCE, que se atopan repartidos por toda a xeografía estatal, poden xa facer as súas compras habituais e pagar con cartón de crédito grazas á maior rede mundial de Terminais Punto de Venda (TPV), completamente accesibles e adaptados ás necesidades destes vendedores.
O TPV dos axentes vendedores da ONCE permite a realización de pagos con cartóns bancarios (VISA e Mastercard), e dispositivos móbiles con tecnoloxía NFC a través dos Wallet dos Bancos, segundo informa a ONCE.
O alcance do proxecto non só supón dispoñer dunha aplicación no TPV que permite realizar a acción de pago cos cartóns bancarios, senón que inclúe a integración das compañías para consolidar as operacións realizadas no terminal, de tal forma que, como subliña a ONCE, se asegure a correcta trazabilidade dunha operación desde o seu rexistro na conta do cliente ata o ingreso do importe das operacións nas contas dos centros da ONCE. Para iso, coordináronse as tres empresas que participan nesta operación con cartón bancario: Redsys, Santander e ONCE.
Os TPV dos vendedores da ONCE ademais de poder realizar operacións con cartóns de tipo Chip&Pin, poderán realizar operacións con cartóns Contactless (sen contactos) e dispositivos móbiles con tecnoloxía NFC (coma a maioría dos teléfonos móbiles existentes no mercado).
A ONCE indica que un dos obxectivos que persegue esta renovación tecnolóxica dos TPV é dispoñer nel doutras aplicacións adicionais á de xogo e poder utilizar as posibilidades que un terminal ofrece para realizar eses pagos con cartóns bancarios. Engade ademais que o pago con cartón supón facilitar o día a día dos clientes de ONCE e posibilita aos vendedores da organización un traballo máis cómodo, entre outras vantaxes.
Escribe o teu comentario