Compos e Lugo enfróntanse o 25 xullo nunha homenaxe ao xornalista Antonio Bermúdez
Foi "a voz dos deportes da cidade" de Santiago. O segundo memorial celebrarase ás 8 da tarde no estadio de San Lázaro.
Partido en San Lázaro.
Santiago de Compostela acollerá o próximo 25 de xullo un partido de fútbol entre a SD Compostela e o CD Lugo para homenaxear o xornalista falecido Antonio Bermúdez.
Segundo explicou o rexedor compostelán, Martiño Noriega, na rolda de prensa de presentación do II Memorial Antonio Bermúdez, a homenaxe realízase no marco da celebración das festas do Apóstolo para lembrar a quen "foi a voz dos deportes da cidade".
Noriega fixo referencia á "perda repentina hai un ano" do xornalista deportivo homenaxeado, que deixou "orfos" os composteláns, cuestión pola que xustificou a colaboración do Concello no memorial.
Por iso, tanto o alcalde compostelán como os directivos do Compostela e o fillo do falecido, Toño Bermúdez, fixeron un chamamento para acudir o 25 de xullo ás 20,00 horas ao estadio de San Lázaro ao partido de homenaxe. Terá un custo de 10 euros, mentres que será gratuíto para os menores de 12 anos e para os socios do club con abono para a próxima tempada.
O fillo do homenaxeado agradeceu o "esforzo" pola celebración do II Memorial Antonio Bermúdez, que "para a familia é un orgullo". "Cada ano e cada día sentimos a calor da xente", concluíu.
Escribe o teu comentario