A investigación xenética, ferramenta clave para diagnosticar discapacidades intelectuais

Ángel Carracedo lamenta que España é "o único país da Unión Europea sen especialidade en xenética clínica".


|

AngelcarracedoÁngel Carracedo.


O investigador e experto internacional en xenética Ángel Carracedo alerta sobre a importancia de que o Estado español invista na área de xenética para, entre outras funcións, "poder diagnosticar discapacidades intelectuais" en nenos e adultos.


Diso deu conta este luns, no marco dunha comisión especial sobre o seguimento de políticas relativas á discapacidade en Galicia, no que lembrou que a xenética "é a base da medicina"; á vez que mencionou que "a sociedade non é consciente da importancia que ten á hora de diagnosticar este tipo de enfermidades".


Carracedo explicou que un 70 por cento das discapacidades intelectuais teñen que ver cos xenes, e delas, un 35 por cento poden ser diagnosticadas, é dicir poden coñecer a causa pola que se produce esa enfermidade.


Diagnosticar xeneticamente unha discapacidade deste tipo conséguese a través da secuenciación do xenoma do que a sofre, algo que, segundo o investigador, non só é beneficioso para o paciente, na maioría dos casos nenos, senón tamén para os pais.


Con esta lectura dos xenes do paciente, pódese coñecer o xenoma dos proxenitores. Algo que "é crucial para eles" xa que, segundo indicou, "poden tomar decisións á hora de ter descendencia".


SEN ESPECIALIDADE EN XENÉTICA CLÍNICA


Durante a exposición, o director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica lamentou que España sexa "o único país da Unión Europea sen especialidade en xenética clínica".


"En moitas cousas España, e concretamente Galicia, estamos moi avanzados, pero noutras non", afirmou, á vez que insistiu na necesidade de que o Goberno invista máis en canto a I+D público.


"Actualmente, España inviste un 1,3 por cento do Produto Interior Bruto en investigación. A nosa meta é que para o 2020 o investimento sexa do dous por cento", explicou.


A INTEGRACIÓN, UN ASPECTO "IMPORTANTE"


No seo desta comisión sobre políticas de discapacidade en Galicia, Ángel Carracedo fixo fincapé na educación a respecto das discapacidades intelectuais dos máis pequenos.


Así, insistiu en que a integración "é unha parte importante", non só para os pacientes que sofren a enfermidade, senón para os compañeiros que os acompañan ao longo da súa vida.


Considera que "é necesario" educar en valores e cre que en canto a educación non se está indo "polo bo camiño". Di que é necesaria máis divulgación e propón que os mozos visiten centros de discapacitados para ser máis conscientes da causa.


Por último, referiuse á diversidade nos cidadáns. "O sistema educativo quere producir mozos iguais cando o natural é que sexamos distintos", resolveu.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE