Os orzamentos participativos de Santiago reciben case 300 propostas válidas
A maioría das achegas están relacionadas co deporte, os centros socioculturais e as melloras de espazos públicos.
María Rozas, edil de Economía. //Foto: Concello de Santiago
O Concello de Santiago recibiu, na web e no rexistro municipal habilitado, un total de 371 propostas para os orzamentos participativos, das que seleccionou 283 como válidas.
A concelleira de Economía, María Rozas, presentou este martes os primeiros datos dos orzamentos participativos tras pecharse o prazo de presentación de iniciativas o pasado venres.
Rozas sinalou varios motivos para o rexeitamento das propostas: "En moitos casos estaban duplicadas no rexistro, ou había algunhas similares; neses casos falabamos cos asinantes para unificalas".
A concelleira apuntou tamén que algunhas das iniciativas non cumprían os requisitos esixidos e outras procedían de barrios non participantes. "As propostas rexeitadas non poden participar no proceso de Orzamentos Participativos, pero serán tidas en conta polo Goberno municipal como demandas concretas dos veciños", indicou.
Tras esta primeira selección, as proposicións do orzamento participativo someteranse a unha fase de apoios, o que se presenta como novidade no proceso. Nesta etapa, debaterase de maneira individual cada proposta. A votación final das iniciativas cidadás seleccionadas será a partir do 21 de setembro, ata o 13 de outubro.
'MOCIDADE' A ÁREA MÁIS PARTICIPATIVA
A área dos mozos, 'Mocidade', recibiu un total de 49 propostas. Séguea a 'Zona municipal' e a 'Zona norte urbana', con 42. Logo, as categorías de 'Zona rural norte' e 'Festas do Apóstolo', con 38; a 'Zona rural sur', con 35; e, por último, a 'Zona sur urbana', con 29.
"Estes datos supoñen un incremento substantivo de propostas", sinalou María Rozas. Segundo os datos achegados, presentáronse un 33 por cento máis de propostas válidas que o ano anterior e mantivéronse o número de propostas rexeitadas.
De entre todas as propostas recibidas, destacan cuantitativamente as relacionadas co deporte e co fomento de deportes minoritarios. Tamén, as que piden a mellora de espazos públicos e sendas peonís.
No caso particular da 'Mocidade' e 'Festas', existe un número elevado de solicitudes de concertos, iniciativas para a muller ou actividades de cinema e teatro.
Escribe o teu comentario