Barreras anuncia a construción dun cruceiro que creará ata 800 empregos

O contrato de 250 millóns con Ritz-Carlton inclúe unha cláusula opcional para construír un segundo e terceiro barco | Trátase do barco civil máis caro dos construídos en estaleiros españois. 


|

Barrerasbarcotransatlantico


O estaleiro vigués Fillos de J.Barreras confirmou este martes a firma do contrato de 250 millóns para a construción dun barco híbrido, entre iate de super-luxo e cruceiro, para Ritz-Carlton Yatch Collection, un buque que sería o primeiro dunha serie de tres.


Nun acto celebrado nas instalacións do estaleiro, o director de Barreiras, José García Costas, explicou que o contrato asinado con Ritz-Carlton "contén unha cláusula opcional para construír un segundo e un terceiro barco". A ese respecto, expresou a súa esperanza de poder anunciar o segundo buque "antes de final de ano".


O director do estaleiro subliñou que, tras 125 anos de historia e máis de 1.600 botaduras, Barreras asume agora "un novo reto", un desafío que vai superar " con moi boa nota" porque ten o coñecemento, a experiencia e o persoal adecuado para levalo adiante.


Segundo José García Costas, este barco, no que xa se empezou a traballar, dará emprego a entre 600 e 800 persoas, entre operarios a bordo e tarefas de taller, e a data de entrega é para finais de 2019. 


BARCO "HÍBRIDO" DE 'ULTRA-LUXO'


Uno dos responsables da división de iates de Ritz-Carlton, Douglas Prothero, explicou que este primeiro buque é un "híbrido" entre iate de 'ultra-luxo' e cruceiro, terá uns 190 metros de eslora, capacidade para 240 tripulantes e uns 300 pasaxeiros, altas prestacións de confort, e ofrecerá toda unha "experiencia a medida" para os clientes.


Con este contrato, a histórica compañía de hoteis e resorts de luxo iníciase no mercado dos cruceiros, e empezará con travesías de entre 7 e 10 días a destinos como o Mediterráneo, Canadá, o Caribe ou América Latina.


Barrerasbarco2


"APOSTA SEN PRECEDENTES" DE ENTIDADES FINANCIADORAS


Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, celebrou a incursión deste estaleiro nun mercado novo e con perspectivas de crecemento, como é o dos iates-cruceiro de luxo, e subliñou que esta operación conta con financiamento por 250 millóns de euros, procedente de seis entidades privadas e de tres organismos públicos.


"Financiar máis de 250 millóns de euros é unha aposta sen precedentes por este estaleiro e por Galicia", proclamou, e expresou o seu recoñecemento ás entidades que participan nesta operación (que se acolle ao sistema de 'tax lease'): CaixaBank, Abanca, Ibercaja, Popular-Pastor, Sabadell-Galego e Banca March, así como as entidades públicas ICO, Igape e CESCE.


O presidente galego incidiu en que a construción deste buque, "o barco civil máis caro dos construídos en estaleiros españois", supoñerá "un exame de máxima dificultade" para Barreras, e "un exame de credibilidade" para a industria auxiliar do naval.


Finalmente, Núñez Feijóo constatou que este cruceiro de luxo "non é un barco máis" para a industria galega, senón que "abre posibilidades" de mercado ás empresas que, neste momento, teñen asinados ou a piques de asinar contratos por 2.843 millóns de euros. Segundo apostilou, Galicia "está a escalar posicións e opta a ser referente" europeo en construción naval.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE