Xornada "histórica" de folga no sector do metal coruñés por un convenio "digno"

Ao paro, que comezou ás 22,00 horas do mércores e termina a media noite deste xoves, sucederano novas folgas.



|


Folgasectormetalacoruna

// UGT_Galicia


Case 4.000 traballadores do sector do metal en folga na provincia da Coruña mobilizáronse na capital herculina, en Compostela e en Ferrol en defensa dun convenio "digno e con dereitos", que leva sen actualizarse desde 2014.


O paro deste xoves, unha xornada "histórica" xa que hai 25 anos que non se convocaba unha folga xeral nos centros de traballo con este convenio, foi seguido ao 90-95% nas empresas da provincia, segundo os datos dos sindicatos convocantes, CIG, CC.OO. e UXT.


Sucederano novas xornadas de folga o martes 27, o martes 4 e o mércores 5 de xullo, e as centrais avisan de que "irá a máis" se non hai resposta por parte da patronal, á que acusan de "dilatar" a negociación do novo convenio e "mesmo pretender recortar dereitos".


FERROL


En Ferrol, unhas 3.000 persoas manifestáronse nunha marcha que partiu ao mediodía da Praza de España e que finalizou no Cantón de Molíns.


A xornada desenvolveuse sen incidentes e segundo asegurou Vicente Vidal, responsable de CIG-Industria en Ferrolterra, "o obxectivo está a lograrse", ao "parar o tecido industrial na comarca".


Unha comarca, segundo explicou o sindicalista, na que as compañías que traballan para os estaleiros públicos están paralizadas "ao 100%" e na que, ademais, "a paralización nos polígonos industriais está a ser total, por parte dos propios traballadores, que están moi mentalizados na necesidade de poder recuperar todos os dereitos perdidos ao longo dos últimos anos".


O representante da central nacionalista tamén destacou que o sector leva "tentando negociar cos empresarios durante dous anos e medio, con 17 reunións que non deron para nada".


A CORUÑA


Na Coruña, máis de 500 persoas, segundo os convocantes, concentráronse ante a sede da CEC para reclamar á patronal "un convenio xusto", segundo figuraba na pancarta que portaron.


A concentración formou parte do calendario de mobilizacións aprobado polos sindicatos para esixir á patronal "que sente a negociar", segundo destacou Eduardo Caamaño, representante da CIG.


"E non o que fixo ata agora", engadiu, para cuestionar o posicionamento dos empresarios nas case vintena de reunións mantidas.


SANTIAGO


En Santiago, onde arderon un par de colectores e houbo cortes de tráfico pola mañá, segundo explicou o concelleiro de convivencia, Xan Duro, foron unhas 300 persoas as que marcharon desde o polígono do Tambre ata San Caetano, tras unha pancarta co lema 'Convenio do metal. Solución xa'.


Nesta comarca, os sindicatos sitúan nun milleiro o número de traballadores do sector, en empresas como Castrosúa, Carrocerías Tambre, Tromosa, Arteal, Citroën, Peugeot, BMV, Alumisan e Galanas, entre outras.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE