Salvemos Cabana celebra que Europa avance cara á prohibición total do uso do cianuro en minería

Censura que no seu momento "se pretendeu" levar a cabo un proxecto extractivo na parroquia de Corcoesto que utilizaba tecnoloxías mineiras a base de cianuro. 


|

Plantacianuracionasturias

Planta de cianuración da mina de ouro do Val-Boinás (Belmonte de Miranda, Asturias)


A Plataforma Salvemos Cabana aplaude a recente Resolución do Parlamento Europeo sobre a aplicación da Directiva sobre residuos mineiros (2006/21/CE), que contou con 566 votos a favor e tan só 8 en contra. A resolución insta "de maneira inequívoca á Comisión Europea a prohibir a utilización de tecnoloxías mineiras a base de cianuro na UE", o que evitaría operacións extractivas como a que "no seu momento se pretendeu levar a cabo na parroquia de Corcoesto" (Cabana de Bergantiños, A Coruña), "ou a que actualmente se desenvolve en labores de galería no Val-Boinás" (Belmonte de Miranda, Asturias), afirman desde a Plataforma. 


Segundo o comunicado del colectivo, a Directiva 2006/31/CE, sobre a xestión dos residuos de industrias extractivas, adoptouse a partir de dous desastres ambientais con vertedura de residuos perigosos: o accidente e a vertedura de cianuro na mina de ouro de Baia Mare (Romanía, 1998) e o sucedido en Kolontár (Hungría) cunha vertedura de lodos tóxicos en 2010.


Segundo o informe de aplicación elaborado por expertos e orixe da Resolución citada do Parlamento Europeo, a Directiva 2006/31/CE debe ser actualizada e implementada, ao resultar de especial interese para as comunidades locais "que viven nas inmediacións dos proxectos mineiros a gran escala que utilizan sustancias perigosas", pois a actual aplicación práctica da Directiva "pode non garantir o nivel de seguridade previsto orixinalmente polo lexislador", utilizando un enfoque que "pode pasar por alto o Principio de Cautela e a participación real das poboacións locais, o que impide unha avaliación realista dos custos e os riscos xerados pola minería moderna ao descuberto".


Entre outras medidas, o Parlamento Europeo fai un chamamento á Comisión "para que propoña a prohibición total na Unión Europea canto antes do uso de tecnoloxías mineiras que empreguen cianuro", tal e como se solicitou na Resolución do 5 de maio de 2010.


Salvemos Cabanas lembra que o cianuro de sodio utilizado na minería do ouro "é unha sustancia química altamente tóxica" que está clasificada na Directiva Marco da auga "como un dos principais contaminantes" e pode ter "un impacto catastrófico e irreversible na saúde humana e o medio ambiente e, polo tanto, na diversidade biolóxica".


Ademais, afirma o texto, "o uso de cianuro en minería crea pouco emprego" pero "pode provocar enormes danos ecolóxicos transfronteirizos que, polo xeral, non son reparados polas empresas explotadoras responsables, que adoitan desaparecer ou declararse en quebra, senón polo Estado correspondente, é dicir, polos contribuíntes".


Por iso, para a Plataforma Salvemos Cabana, a nova Resolución do PE supón "un paso definitivo para a prohibición total do uso de cianuro de sodio en tecnoloxías mineiras, en aplicación do Principio de Cautela ou Precaución, considerado como un dos alicerces reitores da política europea e sen dúbida un dos instrumentos máis eficaces para a protección da saúde humana e o medio ambiente a nivel continental".


REFERENCIAS:


Resolución do Parlamento Europeo sobre a aplicación da Directiva 2006/31/CE, sobre a xestión dos residuos de industrias extractivas


Resolución do PE Europeo do 5 de maio de 2010, sobre prohibición de tecnoloxías mineiras a base de cianuro na Unión Europea P7_TA(2010)0145 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE