Miles de alumnos xóganse desde hoxe a nota de acceso á Universidade
Máis de 10.500 estudantes estrean as probas que substitúen á xa antiga Selectividade, tras os vaivéns lexislativos do último ano.
Galicia acolle desde este mércores a primeira convocatoria da chamada ABAU, o novo modelo de acceso á universidade que substitúe a antiga selectividade (a PAU) e á que se matricularon un total de 10.550 mozos na comunidade autónoma.
Segundo os datos facilitados pola Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), a maioría de alumnos farán as probas en Vigo, Santiago e A Coruña, que rexistran 2.290, 2.265 e 2.073 estudantes matriculados, respectivamente. O resto presentaranse en Pontevedra (1.023), Lugo (907), Ourense (896), Ferrol (631), Viveiro (240), Cee (113) e A Rúa (112).
DE 'REVÁLIDA' A ABAU
A proba, que inicialmente estaba incluída na Lomce e prevista polo entón ministro de Educación, José Ignacio Wert, como unha 'reválida' obrigatoria, evolucionou cara a un modelo moi similar á antiga selectividade.
O plan de Wert pasaba por suprimir a PAU co obxectivo de implantar un modelo de probas, as chamadas 'reválidas', necesarias tanto para a obtención do título de etapa como para acceder á educación superior. Esta medida provocou o rexeitamento da comunidade educativa.
En declaracións a Europa Press, Pedro Armas, vicepresidente da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), destacou que tanto desde esta entidade como da propia Consellería tentaron "adoptar medidas para facilitar este tránsito" ao alumnado no territorio galego.
Así e pesar de que "foi un ano complicado", considerou que o proceso se resolveu "con dilixencia", adaptándose ao momento político e lexislativo e tentando "facilitar as cousas" aos estudantes, que son os principais afectados "por tantos vaivéns lexislativos".
A nota de acceso calcularase en función da media de bacharelato e a desta proba, que terán un peso do 60 e do 40 por cento, respectivamente.
Escribe o teu comentario