Dermatólogos galegos piden baixar o prezo dos fármacos contra a psoriase

Os médicos da pel consideran que a atención actual a estes pacientes é "mellorable" e sinalan que convén incrementar o tempo de asistencia. 


|

Farmaciasmedicamentos


A Sección Galega da Academia Española de Dermatoloxía e Venereoloxía (AEDV), que preside o doutor Hugo Vázquez, celebrou a súa 46ª Reunión Anual no hospital de Conxo de Santiago. Nel, entre outras cuestións, os expertos coincidiron en pedir baixar o prezo dos novos fármacos contra a psoriase para "garantir a sustentabilidade das prestacións actuais".


E é que o encontro, que congregou a uns 70 profesionais desta especialidade, céntrase no tratamento da psoriase, ademais dos avances en cancro de pel.


Os especialistas, procedentes de centros hospitalarios de toda Galicia, abordaron as limitacións que atopan na prescrición de fármacos de última xeración aos seus pacientes, os denominados fármacos biolóxicos, que son os máis efectivos e con menos efectos secundarios e recéitanse nos casos nos que a enfermidade se atopa en fase moderada ou grave.


En relación a este aspecto, en xeral coincidiron en sinalar que no servizo sanitario galego non existe dificultade de acceso a estes fármacos. O problema atópase á hora de prescribir o tratamento que é máis adecuado a cada caso, debido a que a burocracia bloquea o proceso, polo que solicitan acurtar os tempos na toma de decisións.


ATENCIÓN BOA, PERO "MELLORABLE"


Os dermatólogos consideran que a atención actual ao paciente con psoriase é boa aínda que "mellorable". Nesta liña, sinalan que convén incrementar o tempo de asistencia a cada paciente, sobre todo no caso da psoriase severa, que require moita atención. E reclaman que exista unha continuidade asistencial, ademais dunha maior coordinación entre os profesionais médicos.


Os expertos trataron tamén a sustentabilidade das prestacións actuais. En xeral, consideran que poden ser "sustentables", sempre que se adapten os custos dos novos fármacos, que "son moi elevados".


Doutra banda, abordouse a importancia de que a industria farmacéutica siga investindo en investigación fronte a esta enfermidade, coa mesma intensidade que se fixo ata o momento.


Non en balde, aínda que os médicos son conscientes de que os laboratorios buscan a rendibilidade económica, apuntan que o elevado número de persoas afectadas, entre o 2 e o 3 por cento da poboación (o 20 por cento con psoriase moderada), e o feito de que se trate dunha doenza crónica, fan que siga sendo rendible para os laboratorios investigar neste campo.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE