Prisión sen fianza para o detido polo atropelo do policía local de Carballo

O condutor ten no seu historial polo menos tres positivos por alcoholemia e esta vez superou o 0,90 en dúas mostras.


|

LutocarballoDous días de loito oficial en Carballo. Foto: Concello de Carballo


O xuíz decretou prisión provisional comunicada e sen fianza para o detido por atropelar mortalmente a un policía local en Carballo na madrugada deste sábado.


Así o confirmou aos medios, tras saír do Xulgado, a avogada do detido, Isabel León, quen tamén revelou que o home, natural de Suíza e residente en Carballo, será enviado á prisión de Teixeiro. O condutor ten no seu historial polo menos tres positivos por alcoholemia e esta vez superou o 0,90 en dúas mostras.


"El está moi arrepentido por como sucedeu e quere que se dea o seu máis sincero pésame á familia do policía local falecido", asegurou a avogada, xusto antes de engadir que, ata que o fiscal emita o seu escrito de acusación, todo é "provisional".


A Garda Civil informou este sábado que ao detido, sobre o que constan polo menos tres positivos por alcoholemia, impútaselle un delito de homicidio por imprudencia grave.


DOUS DÍAS DE LOITO


O Concello de Carballo decretou dous días de loito oficial polo falecemento en acto de servizo de José Luis Garea Vales, policía local, nun pleno urxente que comezou con dous minutos de silencio na memoria do axente. As bandeiras da casa consistorial ondean a media asta "como testemuña de dor e solidariedade" e os actos organizados directamente polo Concello foron suspendidos.


Por último, a corporación municipal acordou trasladar as condolencias do pobo de Carballo á familia de José Luis Garea e aos seus compañeiros e compañeiras da Policía Local, dos cales asistiu ao pleno unha nutrida representación.


PAI DE TRES FILLOS


José Luis Garea Vales, veciño de Cerceda, estaba casado e tiña tres fillos. O próximo 1 de maio cumpriría 50 anos. Os sete últimos prestou servizo no corpo da Policía Local de Carballo. A pasada madrugada participaba, xunto con outros tres compañeiros, nun dispositivo de vixilancia e control da seguridade viaria, en colaboración coa Garda Civil.

relacionada Morre un policía local de Carballo tras ser atropelado nun control de alcoholemia

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE