Dous canteiros galegos cicelarán un pedazo da historia dos Estados Unidos

Participarán desde xuño nas obras de restauración do Capitolio. Os dous formáronse na Escola de Cantaría da Deputación de Pontevedra.


|

Capitolio 2


Dous canteiros pontevedreses, Francisco Castro Freijó (Poio) e Manuel Rial Pérez (Meaño), comezarán a traballar a partir do día 1 de xuño nas obras de restauración do edificio do Capitolio, en Washington D.C.


O traballo consistirá na restauración de capiteis e ornamentación en mármore, granito e calcaria. Para iso contan cun visado de traballo por tres anos. "É unha oportunidade moi importante", valorou Manuel Rial. "Cando cheguemos alí explicarannos moito máis", agregou Francisco Castro este luns. Con todo, por agora non se manexan en inglés: "Como eles non aprendan a falar español...", chancean.


Ambos establecéronse como autónomos unha vez que acabaron os seus estudos e a oferta de traballo chegoulles desde o centro onde aprenderon o oficio, a Escola de Cantaría dependente da Deputación de Pontevedra, coa que contactou a empresa estadounidense encargada das obras Lordton Stone, cuxos propietarios son orixinarios de Soutelo de Montes. Así que foi "unha lotería poder traballar alí", comenta Manuel Rial.


O Capitolio é o edificio que alberga as dúas cámaras do Congreso dos Estados Unidos: o Senado e a Cámara de Representantes. Atópase en Washington D.C., a capital do país. Foi inaugurado en 1800 e é un exemplo do neoclasicismo arquitectónico estadounidense.


"ORGULLO" PARA A DEPUTACIÓN


Tras manter un encontro con Francisco Castro e Manuel Rial, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, mostrou o "orgullo" que senten nesta administración ante a contratación de dous dos alumnos da Escola de Cantaría para traballar no Capitolio, o que supón unha "mostra da calidade da formación" que se imparte neste centro e dos seus alumnos, "verdadeiros artistas da pedra".


Respecto da empresa Lordton Stone, Carmela Silva sinala a necesidade de "establecer un contacto permanente" con todos estes galegos que son "embaixadores" da Comunidade e que permitiría impulsar proxectos "onde estar ben situados".


Carmela Silva tamén resalta outra mostra do nivel de formación desta Escola situada no concello de Poio, como que outros alumnos foron contratados para traballar en monumentos tan importantes como a Catedral de Santiago de Compostela ou a Sagrada Familia, en Barcelona.


A presidenta da Deputación aproveitou a ocasión para pedir ao resto das administracións que, "entre todos, se poña en valor esta profesión que deixou en toda Europa obras en pedra que falan da historia".


A presidenta da Deputación cre que este recoñecemento ten que ir máis aló e que a cantaría debería ser declarada Patrimonio inmaterial da Humanidade. "Dígoo moi en serio", afirma.


Como anécdota a presidenta da Deputación de Pontevedra regalou aos dous canteiros unhas camisetas nas que se le "artistas da pedra" para que as luzan durante o seu traballo. "e saquen unha foto para que teñamos unha representación gráfica deste fito", finalizou.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE