Os estibadores ameazan con folga se non se garante o emprego
Entenden que o Real Decreto Lei aprobado o pasado venres pretende "despedir aos estibadores portuarios con fondos públicos".
A Coordinadora Estatal de Traballadores do Mar (CETM) confirmou que convocará aos estibadores á folga a partir do próximo 24 de maio se o Goberno mantén o novo Real Decreto Lei aprobado no Consello de Ministros e se non garante a estabilidade no emprego para todos os traballadores e a profesionalidade da estiba.
En rolda de prensa, o coordinador xeral da CETM, Antolín Goya, anunciou que decidiron manter o preaviso de folga ao entender que o Real Decreto Lei aprobado o pasado venres pretende "liberalizar o sector e despedir aos estibadores portuarios con fondos públicos para colocar a outros nunhas condicións moito menos atractivas para os traballadores e moito máis rendibles para as empresas, que o único que pretenden é obter maior amplitude de beneficios".
Antolín Goya afirmou que a actitude do Goberno "está a deixar moito que desexar", pois leva catro meses dicindo que a multa sobre España é "inminente" e esta non chegou, polo que "se pon de manifesto que había tempo suficiente para poder abordar unha negociación e buscar unha solución e cumprir con Europa sen que isto fose un conflito nos portos e sen que se teña que destruír emprego".
Escribe o teu comentario