Detido un vigués por agredir a súa esposa diante do fillo de ambos
Tras un aviso por unha discusión, a muller contoulle á policía local que a agarrara do pescozo e a ameazara.
Axentes da Policía Local de Vigo detiveron como presunto autor dun delito de violencia de xénero a un veciño de 33 anos e iniciais D.S.C., que durante unha discusión coa súa esposa, agarrouna polo pescozo e zarandeouna en presenza do fillo menor de ambos.
Segundo informou a Policía Local, sobre as 20,40 horas deste mércores, a Central de Información e Mando comisionou unha patrulla para que se desprazase ata un domicilio do Calvario por unha alerta por unha discusión de parella.
No lugar, unha muller de 27 anos manifestou que durante unha discusión co seu esposo por unhas chaves do domicilio, el agarráraa polo pescozo e zarandeáraa e ameazáraa con deixala encerrada na casa.
Todos estes feitos sucederon, ao parecer, en presenza do fillo menor da parella. Por todo iso, os axentes procederon á detención do home por un suposto delito de violencia de xénero.
Escribe o teu comentario