Falece unha muller de 54 anos no incendio da súa vivenda en Foz
A tía da vítima, octoxenaria, puido ser evacuada da casa polos veciños e resultou "ilesa".
Unha muller de 54 anos faleceu no mediodía deste martes como consecuencia dun incendio declarado na súa vivenda, no municipio lugués de Foz. Segundo confirmaron fontes da Central de Atención a Emerxencias 112-Galicia, foi un particular o que alertou sobre as 13,20 horas deste martes de que saía fume do tellado dunha vivenda unifamiliar da parroquia de Mañente.
Ata o lugar desprazáronse efectivos dos Bombeiros de Barreiros, Protección Civil e GES local para a extinción das chamas, así como unha dotación sanitaria do 061.
O alcalde de Foz, Jorge Javier Castiñeira, confirmou a Europa Press que na vivenda residían unha muller duns 54 anos, que resultou falecida, e a súa tía octoxenaria.
A falta de determinar as causas do incendio, que aínda son unha incógnita, o rexedor apuntou que as chamas se iniciaron na habitación da vítima mortal e que a súa tía puido ser evacuada da casa polos veciños, polo que resultou "ilesa".
Escribe o teu comentario