O galego Diego Gago, elixido presidente de Novas Xeracións do PP
Máis do 95% dos votos déronlle o seu apoio ao concelleiro en Vigo. Sobre os escándalos de corrupción rexeita que "20 persoas cuestionen a lexitimidade" do partido.
O mozo galego Diego Gago, de 29 anos, foi elixido novo presidente de Novas Xeracións do PP, co 95,33 por cento dos votos emitidos, durante o XIV Congreso Nacional de Novas Xeracións do PP, que se celebraba desde o pasado venres en Sevilla.
Gago substitúe a andaluza Beatriz Jurado, que era presidenta de NNGG desde 2011 e actualmente senadora por Córdoba, e na súa proclamación viuse arroupado polo coordinador xeral e responsable de Organización e Electoral do PP, Fernando Martínez-Maíllo; o presidente do PP-A, Juanma Moreno, e a secretaria xeral do PP-A, Loles López.
Na clausura deste congreso, ao que acudiron 1.000 compromisarios e onde se presentou o novo logo de NNGG, Gago, quen mostrou a súa satisfacción e agradecemento polo apoio, tivo unhas palabras de agarimo para Beatriz Jurado, "que fixo unha transición exemplar, chea de consellos e chamadas".
Tras resaltar a "responsabilidade" que supón este cargo, e mostrarse "afortunado" por iso, Gago, que leva 13 anos en NNGG e é actualmente concelleiro no Concello de Vigo, contrapuxo á esquerda "que só é feliz cando goberna, e cando o fan déixannos fracaso", fronte á "ilusión e confianza" do PP, que supón "un exemplo de transparencia", con 40 anos de historia.
Tamén aludiu aos casos de corrupción rexistrados no seo do PP, deixando claro que non vai permitir que "20 persoas cuestionen a lexitimidade de miles de homes e mulleres", polo que asevera que o PP "será implacable e terá tolerancia cero", rexeitando xuízos políticos e deixando que "sexa o poder xudicial o que imparta xustiza, non os partidos nin os medios", pero apuntando que "quen a fai, págaa".
Así mesmo, no seu discurso previo de candidatura, o presidente nacional electo de Novas Xeracións, Diego Gago, afirmou que "Novas Xeracións está aberta para todos os mozos que queiran traballar polo seu país".
"O noso obxectivo fundamental ten que ser que cada día máis mozos españois se sintan identificados con este proxecto, que recolle a esencia das distintas realidades do noso país", engadiu Gago, quen resalta a súa "emoción" e lembra que visitou todas as comunidades para "recibir suxestións, inquietudes e consellos de todos".
Gago comprometeuse a "adaptar a organización á realidade actual". Ademais, o líder xuvenil asegurou que "Novas Xeracións sempre será a voz nova do partido. Unha voz inconformista, vangardista e que defenda a liberdade e a igualdade".
Nesa mensaxe de "apertura", apunta que iso se vai materializar abrindo todas as sedes de España á vez varias veces ao ano, varios sábados ao ano "para dar a coñecer polo que loitamos e pelexamos".
NNGG LIGADA Á FORMACIÓN
Noutra orde de cousas, Diego Gago destacou a importancia dunha boa formación tanto a nivel persoal, como a nivel político, dentro da organización. "Imos pedir ao partido que, aproveitando o gran capital humano que o compón, nos axuden a formarnos politicamente. Da formación individual encargámonos cada un de nós e da formación política, o noso partido", explicou Gago, quen avoga por un modelo de educación "que busca igualarnos a todos por encima, por estar máis formados e poder competir", defendendo o modelo trilingüe xa presente nalgunhas rexións.
Por outra banda, Gago dixo que "a Universidade é o noso gran cabalo de batalla e non nos podemos deixar amedrentar pola esquerda radical que quere impedir que cheguemos ás aulas. Imos dar a cara na Universidade e non imos ceder un chisco".
Escribe o teu comentario