Industria, agroalimentación e luxo, oportunidades de exportación de Galicia a China
A Xunta tamén aposta por abrir a Comunidade a investidores chineses e sinala a Hengqin como porta de entrada a negocios con países hispanos.
Industria, agroalimentación, bens de luxo e servizos son "as maiores oportunidades en próximos anos" de exportacións de empresas galegas a China, segundo identificou este luns o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde.
Así o expuxo Conde durante a súa intervención nunha xornada do Club Financeiro de Santiago e Audicon sobre internacionalización de empresas galegas no mercado chinés, onde observa "moitas posibilidades" nun "un enorme mercado".
Sobre este extremo, destacou que en 2016 as exportacións desde Galicia a China creceron un 15% respecto de 2015, de forma que 477 empresas realizaron vendas a este mercado por 207,5 millóns de euros.
Nesas exportacións, Conde chamou a atención sobre o crecemento do sector agroalimentario, en particular do cárnico relacionado co porcino, con aumentos "de dous díxitos".
Este ano prevese "intensificar" a presenza no país oriental, así como reforzar os esforzos en favor das pequenas e medianas empresas, "que teñen máis dificultades". Ademais, lembrou que a Xunta conta cunha oficina comercial en Shanghái.
ABRIR GALICIA A CHINA COMO LUGAR PARA INVESTIR
Xunto a isto, o conselleiro de Economía móstrase partidario "tamén de abrir" Galicia a China como "un lugar onde investir", nunha "internacionalización de dobre vía".
De tal forma, aposta por que "esa ponte entre Galicia e China cada vez sexa máis intensa", á vez que identifica o mercado chinés como "un destino moi atractivo, de calidade".
HENGQIN E OUTROS SECTORES
Neste encontro abordouse a situación da illa de Hengqin, a única zona designada polo goberno de China como plataforma para promover o comercio con países de fala hispana.
Aquí tamén se sinalan oportunidades en campos como as enerxías renovables, o turismo, as franquías e as infraestruturas de saneamento.
Escribe o teu comentario