Unha fin de semana de fútbol sala infantil na Quintana
O Santiago Futsal, co patrocinio de ViAQUA e a colaboración do Concello, programan outra edición do torneo 'Cidade do Futsal'.
Presentación do torneo. // Foto: Santiago Futsal.
A cuarta edición do torneo compostelán de futbol salga base 'Cidade do Futsal' estrea este ano un emprazamento especial, a Praza da Quintana. É a principal novidade desta edición, que presentaron esta mañá en Santiago o presidente do Santiago Futsal, Ramón García, o xerente de ViAQUA, Julio Masid, e a concelleira de Deporte, Noa Morales.
O evento celebrarase os días 13 e 14 de maio. O sábado será a quenda de prebenxamíns e benxamíns e o domingo tócalle aos alevíns. As inscricións abriranse o vindeiro luns 17 e desde a organización esperan polo menos repetir as cifras do ano pasado, onde participaron preto de 450 nenos e 9 equipos, incluso algúns chegados de Portugal. Con todo, Ramón García quixo ser prudente sobre as cifras que determinarán o sistema de competición final: "saberase a demanda en próximas datas".
"Que se poida seguir organizando xa é un éxito", afirmou o presidente do Santiago Futsal. Neste sentido agradeceu ao Concello as facilidades para organizar un evento complexo coma este e a ViAQUA o apoio, insistindo en que "é importante sumar empresas que adquiran compromisos co deporte".
O xerente de ViAQUA declarouse "moi satisfeito" por colaborar por terceiro ano con este evento, destacando ademais que se celebre "nun lugar tan emblemático coma a Quintana". Julio enmarcou este tipo de colaboracións no "labor da empresa" e afirmou que seguirán "estando onde estas iniciativas sociais poidan axudar a fomentar hábitos saudables".
Neste sentido, Masid lembrou que a compañía aproveitará para ofrecer durante o torneo un programa de divulgación do ciclo integral da auga e de concienciación coma o 'Aqualoxía' que VAQUA leva aos colexios.
A concelleira de Deporte, Noa Morales, pola súa banda, felicitou á organización por unha nova edición do evento e agradeceu a aposta do Santiago Futsal pola canteira e o fomento do deporte base.
Haberá agasallos para todos os participantes e o torneo contará coa presenza dos xogadores do primeiro equipo do conxunto santiagués.
Escribe o teu comentario