O Resurrection Fest desvela o seu cartel completo
As entradas para xoves e sábado estarán este martes ás 12:00 á venda na web do festival por 69 euros máis gastos.
Este luns tivo lugar na Cervecería Estrela Galicia da Coruña a presentación oficial do Resurrection Fest 2017, que desvelou o seu cartel completo para o festival que terá lugar os días 5, 6, 7 e 8 na localidade lucense de Viveiro.
Na edición deste ano, Estrella Galicia incorpórase como patrocinador oficial do festival durante o próximos tres anos. O director de Márketing da cervexeira, Santiago Miguélez, destacou que a colaboración co Resurrection Fest leva producindo "durante moitos anos", polo que celebrou o "paso adiante" dado na edición de 2017.
Sobre a repartición por días, destacan as actuacións de Anthrax, Dropkick Murphys, Airbourne e Suicidal Tendencies o 6 de xullo; Ramsstein, Enter Shikari, Architects e Annihilator o venres 7 e Rancid, Sabaton, Mastodon e Arch Enemy o sábado 8 de xullo.
Un total de 100 bandas actuarán nos catro escenarios do festival, incluíndo a incorporación de We Ride á festa de presentación e Kitai como banda Yamaha.
Á súa vez, completarán o cartel as tres after-party finais: Display of Power (tributo a Pantera), Bulls On Parade (tributo a Rage Against The Machine) e WTF? Party, a falta de confirmar as tres bandas gañadoras do band contest, que se darán a coñecer nas próximas semanas.
"Esta edición supón un paso máis despois de que o ano pasado colgásemos por primeira vez o cartel de 'Tickets Esgotados'. Queremos facer unha experiencia máis grande e por iso contamos este ano co concerto único na península de Rammstein", explicou o director do festival, Iván Méndez.
Por último, as entradas para xoves e sábado estarán este martes ás 12:00 á venda na web do festival por 69 euros máis gastos, coas últimas entradas para o venres aínda á venda.
Escribe o teu comentario