Os animalistas auguran pouco éxito ao recurso dos circos contra o veto galego
A asociación Libera subliña que os responsables en Bruxelas son "cada vez máis favorables a unha prohibición conxunta dos Vinte e oito".
A asociación animalista Libera celebrou a inclusión do veto ao uso de animais en espectáculos circenses dentro da Lei de Protección Animal que prepara a Xunta, á vez que respondeu ao "lobby cirqueiro" que a súa intención de levar ao Parlamento europeo a impugnación da medida "carece de total lexitimidade".
A través dun comunicado emitido este domingo, Libera saíu ao paso do anuncio por parte da Asociación Circos Reunidos, que o sábado asegurou que impugnará a Lei de protección e benestar dos animais en caso de ser aprobada e denunciaraa en Bruxelas se prohibe aos circos traballar con animais salvaxes.
Tamén apuntou que o veto ao uso de animais en circos, xa prohibido en países como Eslovenia, Grecia, Bulgaria ou Austria, está avalada por especialistas na materia como a Federación Europea de Veterinarios, que emitiu un documento no que establece que "un circo itinerante é incapaz de velar polas liberdades básicas dos animais e o seu benestar".
Así as cousas, Libera cualificou de "brindes ao sol" a intención de levar a Bruxelas a impugnación da lei, xa que "nin o Europarlamento nin a Comisión manifestaron a súa oposición aos vetos nacionais ou autonómicos". "De feito os seus responsables en materia de Medio Ambiente son cada vez máis favorables a falar dunha prohibición conxunta dos Vinte e oito", aseguraron os animalistas.
Escribe o teu comentario