O BNG ábrese a todos os que consideren que Galicia necesita "forzas políticas propias"
Ana Pontón subliña que tras a asemblea desta fin de semana a organización sae "reforzada e cun rumbo definido".
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, destacou que a fronte nacionalista está "aberta" a todas as persoas que consideran que Galicia "necesita forzas políticas propias e un proxecto de país".
"Unha forza política que non está unida ten moitas dificultades para poder sumar e hoxe o BNG está nun momento no que podemos sumar", manifestou a líder nacionalista nunha entrevista concedida á Radio Galega.
Tras a XVI Asemblea Nacional que o Bloque celebrou este fin de semana na Coruña e na que foi reelixida co 98% dos votos, Ana Pontón subliñou que a súa formación sae "reforzada" e cun "rumbo definido" desta cita.
Neste sentido, asegurou que afronta o tempo novo que abre o BNG "con novos ánimos". "Con moitísima ilusión e con ánimos renovados despois dunha Asemblea na que se viu que o BNG é unha organización con gran fortaleza, con miles de persoas que apoian o noso proxecto e, sobre todo, cun rumbo definido", indicou.
"DIFICULTADES"
Na súa intervención, a tamén portavoz parlamentaria do Bloque recoñeceu que a formación nacionalista atravesou un ano de "dificultades" pero sinalou que o proceso de redefinición, que se abriu con máis de 180 asembleas locais e comarcais, deu como resultado unha organización "máis áxil e aberta".
"Pasamos un ano de dificultades pero analizamos o que estaba a pasar, redefinimos o proxecto e abrimos un tempo novo", destacou Ana Pontón, que posto en valor o traballo realizado polos militantes a nivel local e provincial.
Na entrevista, a portavoz do Bloque cre que a súa organización está en condicións de abrir o debate sobre cuestións que considera centrais, como o modelo de financiamento, no que discrepa frontalmente da postura da Xunta.
"A min paréceme terrible a posición absolutamente pasotista que ten neste tema Núñez Feijóo, que simplemente está a esperar a ver o que deciden en Madrid", apuntou.
Escribe o teu comentario