Os estibadores atrasan outra semana a folga nos portos
Os traballadores seguen gardando a baza da mobilización e chaman a De la Serna a sentar a negociar.
Os sindicatos de estibadores desconvocaron outros tres días do calendario de folgas que teñen programadas nos portos en contra da reforma do sector que impulsa o Goberno mediante un Decreto Lei, os correspondentes a este venres, día 10, e ao luns e o mércores da próxima semana, os días 13 e 15 de marzo.
Así o anunciou Antolín Goya, dirixente de Coordinadora de Traballadores do Mar, principal sindicato de estibadores, ao termo da reunión que mantiveron coa patronal Anesco.
Os sindicatos levantan así as mobilizacións que estaban previstas para os días previos a que o Real Decreto Lei da reforma se debata e se vote no Congreso, exame parlamentario actualmente programado para o xoves 16 despois de que o Executivo decidise atrasalo unha semana.
Con todo, os estibadores seguen gardando a baza da mobilización para o caso de que a negociación aberta non frutifique ou a reforma se aprobe sen consenso. Así, manteñen aínda convocados catro días de folgas nos portos, os previstos para os días 17, 20, 22 e 24, no que os estibadores están chamados a parar todas as horas impares.
Trátase da terceira ocasión na que os sindicatos do gremio (Coordinadora, CC.OO, UGT, CIG e USO) suspenden parte das folgas que foron convocado desde que a comezos do pasado mes de febreiro o Goberno anunciara a súa intención de reformar o sector da estiba.
EMPRESA E ESTIBADORES CHAMAN A DE LA SERNA
Antolín Goya indicou que a nova desconvocatoria constitúe un "exercicio de responsabilidade máis" dos estibadores, á que chaman ao ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, para que sente a negociar con empresas e estibadores a reforma do sector.
"Non houbo negociación pola súa banda, impuxo un decreto e ten a todas as partes negociando, co que agora tócalle sentar tamén a el e realizar ese exercicio de responsabilidade que pide", declarou o dirixente de Coordinadora en relación a De la Serna. "Se Fomento quere, isto soluciónase rápido", asegurou.
Os estibadores ven necesaria a presenza do Goberno na negociación, ao considerar que a garantía do emprego do sector trala reforma que reivindican só se asegura se se inclúe no texto do Real Decreto do Goberno.
Por contra, neste punto, o Goberno sempre defendeu que a Comisión Europea non permite incluír este tipo de medidas na reforma legal, e por iso empraza a que empresas e sindicatos as diriman no ámbito da negociación colectiva. "Temos que garantir a continuidade do emprego e o único instrumento que temos para facelo é o Real Decreto, e o Goberno pode facelo, porque non contradi á UE", asegura Goya. "A solución non pasa polo convenio colectivo, o convenio é unha parte máis, pero a esencia é o Real Decreto", insistiu.
EMPREGO A CAMBIO DE MÁIS PRODUTIVIDADE
A pesar de todo iso, os sindicatos de estibadores mostraron a súa disposición de seguir negociando a próxima semana coa patronal Anesco, que na reunión deste mércores presentou un documento de "propostas para o mantemento do emprego na estiba".
Neste documento, as empresas manifestan a súa intención para "facilitar" a continuidade do emprego actual fixo, ben a través dos novos Centros Portuarios de Emprego (as ETT en que se converterán as actuais Sagep) ou nas empresas de estiba.
Con todo, vinculan este compromiso a "negociar un convenio colectivo no que se garanta de maneira real e efectiva unha mellora na produtividade respecto da situación actual".
Os estibadores consideran "positivo" o documento de Anesco, pero insisten en que nin o documento nin a patronal "poden garantir ao 100%" que as empresas do sector vaian manter os actuais postos de traballo. De aí, a insistencia de que Goberno sente a negociar e se inclúa no texto legal da reforma.
Escribe o teu comentario