Un incendio calcina por completo un bar de Betanzos
O local comezou a arder despois de que uns obreiros, que se atopaban facendo reformas no interior do bar, provocasen unha faísca mentres traballaban.
Foto de arquivo
Un bar situado na rúa Pozo en Betanzos ardeu por completo na tarde deste mércores. O incendio, que se orixinou no baixo do edificio, onde está situado o bar, tamén afectou ao resto do inmoble, segundo informa o 112.
Así, víronse danadas as galerías das tres plantas. O local comezou a arder despois de que uns obreiros, que se atopaban facendo reformas no interior do bar, provocasen unha faísca mentres traballaban.
Foi un operario o que, ás 15,50 horas, alertou do incendio ao 112. Indicou que todos eles se atopaban fóra do local. Un particular informou tamén ao 112 Galicia de que podería haber dúas persoas maiores na primeira planta.
O 112 pasou o aviso aos Bombeiros de Betanzos, á Policía Local e a Protección Civil de Betanzos, que se desprazaron ata o punto.
A dotación dos Bombeiros, ao chegar, controlou e sufocou o lume. Tras extinguir o incendio, arrefriaron e ventilaron a zona. O 112 Galicia informou do incendio, tamén, ao servizo de urxencias médicas, pero ningunha persoa viuse afectada.
Escribe o teu comentario