A Xunta resta importancia a que o exalcalde inhabilitado de Melón asista a reunións oficiais

A súa muller, Cristina Francisco Vílchez, acudiu a unha reunión acompañada do seu ex marido e ex rexedor do mesmo municipio


|

CristinafranciscovilchezalcaldesaMelon

A alcaldesa de Melón, Cristina Francisco, nunha foto de arquivo 


O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, restou este mércores importancia ao feito de que a alcaldesa de Melón (Ourense), Cristina Francisco Vílchez, acudise acompañada de Alberto Pardellas, o seu marido e ex rexedor do mesmo municipio inhabilitado pola Xustiza, a unha reunión de carácter institucional.


Sobre este asunto pronunciouse ante o pleno do Parlamento ao ser preguntado pola deputada socialista Noela Blanco, quen comparou o ocorrido "cunha película de Berlanga" e acusou a Pardellas de seguir actuando como "alcalde na sombra".


Na súa quenda de resposta, o tamén conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza enumerou as competencias do seu departamento para concluír que debe de estar a facer "moi ben as cousas" para que as inquietudes do PSdeG se centren nese encontro na Delegación Territorial da Xunta en Ourense.


E, a continuación, deixou claro que entre os seus labores non está supervisar "quen acode a cada reunión". Máis aló diso, o que indicou é que "respecta" a decisión da alcaldesa de Melón e que confía "no criterio e o bo facer" da delegada.


Ante as críticas da parlamentaria socialista, quen lamentou que Rueda non aproveitase a ocasión para "rectificar e emendar un erro gravísimo", o vicepresidente autonómico incidiu en que a entrevista se concedeu a instancias da alcaldesa e non de Alberto Pardellas.


Ademais, aproveitou a súa última quenda para reprochar a Blanco que falase de que o exalcalde segue gobernando "na sombra" en "un día para romper cos topicazos", o Día Internacional da Muller, unha acusación rebatida a berros desde a bancada socialista.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE