Pachi Vázquez culpa á xestora da situación "catatónica" do PSdeG

|

Pachivazquezpsdeg


O ex secretario xeral dos socialistas galegos Pachi Vázquez culpou á actual xestora da situación "catatónica" do PSdeG e apostou por "recuperar órganos" como o Comité Nacional para solucionar o estado da formación e que volva ser "útil a Galicia".


Nun articulo de opinión remitido este sábado aos medios, asegura que o PSdeG atravesa o seu período "máis difícil" desde que se instaurou a democracia. "Tras a dimisión do secretario xeral, por unha causa absolutamente persoal, a executiva federal do PSOE, con Pedro Sánchez á cabeza, nomeou á xestora que aínda hoxe segue presidindo o socialismo galego e ten unha gran responsabilidade neste longo e doloroso cabo de ano".


Neste sentido, critica que pasase un ano sen que se convocasen aos máximos órganos do PSdeG. "Un ano no que os resultados electorais, tanto a nivel nacional como en Galicia, bateron récords negativos, pasando a ser a terceira forza política no Parlamento de Galicia".


"Mentres outras organizacións políticas están a traballar na estratexia das próximas eleccións municipais, o socialismo galego segue profundando na sangría interna e aumentando as liñas de fractura na organización", censura o ex secretario xeral.


Respecto diso, alerta de que "existe un risco real de fractura grave e irreversible" que, na súa opinión, se debe solucionar "entre todos, con xenerosidade, con cesións, poñendo o interese xeral por encima dos intereses individuais e locais". "Temos a obrigación de traballar e facer achegas para que o PSdeG volva ao lugar que tivo na política galega, con ilusión de chegar a gobernar e transformar este país", sinala.


Deste xeito, tras insistir en que "non son tempos de tácticas persoais" destaca que a "única alternativa é o diálogo". "A aposta a longo prazo por recuperar a ilusión nun proxecto compartido por todos os galegos".


Para iso, pide poñer en marcha as canles para "terminar con esta situación tan grave". "Recuperemos os órganos galegos: o Comité Nacional. Convoquemos reunións para apoiarnos, non para insultarnos. Este é o camiño que temos que percorrer para volver sentirnos orgullosos do PSdeG e para volver ser útiles a Galicia", finaliza.

relacionada A xestora do PSdeG manterase neutral nas primarias do PSOE
relacionada Caballero: "A maioría absoluta a Feijóo regaláronlla Cancela e Leiceaga"
relacionada Sánchez recada en poucas horas 13.000 euros para lanzar a súa nova oficina

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress