Caballero: "A maioría absoluta a Feijóo regaláronlla Cancela e Leiceaga"

Volve reivindicar o "modelo de Vigo" para "estendelo a toda España" porque é un proxecto "de maiorías do 52 por cento". 


|

Caballerovigo 1


O alcalde de Vigo, Abel Caballero, criticou este luns á presidenta da xestora do PSdeG, Pilar Cancela, a quen fixo responsable, xunto co portavoz parlamentario (e candidato nas autonómicas), Xoaquín Fernández Leiceaga, de ter "regalado" a maioría absoluta ao PP.


A preguntas dos xornalistas sobre as declaracións de Cancela (nas que advertía de que non se fai "ningún favor" á normativa do partido cuestionando de forma permanente a Leiceaga), o alcalde de Vigo proclamou que "o que foi nocivo para o PSdeG foi o resultado das autonómicas, e regalarlle a maioría absoluta a Feijóo".


"A maioría absoluta a Feijóo regaláronlla Cancela e Leiceaga, unha como presidenta da xestora e outro como candidato. Iso foi o que lle fixo dano a este partido e a Galicia, porque agora temos que soportar unha maioría absoluta de Feijóo que vai producir unha enorme dor a moita xente", incidiu.


Nesa liña, o alcalde de Vigo acusou á presidenta da xestora e ao portavoz parlamentario, "apoiados por Pedro Sánchez e César Luena", de romper "o proceso de unidade" que el mesmo puxera en marcha no socialismo galego. "Era moi bo, en toda Galicia víase con enorme simpatía ese proxecto de unidade, e foi rebentado por Cancela e Leiceaga, entre outros, nunha coñecida reunión en Madrid", subliñou.


"Agora algúns temos que gobernar soportando unha maioría absoluta do PP que obstaculiza a acción nas nosas cidades de forma continua; e diso responden Cancela e Leiceaga", sentenciou.


PROPOSTA DE PATXI LÓPEZ


Finalmente, e con respecto á proposta de Patxi López de que sexan os militantes socialistas os que destitúan ao seu secretario xeral, o alcalde sinalou que non coñece "como Deus manda" dita proposta. En todo caso, expresou o seu desexo de que os membros do partido elixan o mellor " dirixente" e que se faga "un proxecto gañador", porque "os proxectos que acaban co 11,7 por cento de votos non son adecuados para o PSOE".


"Pregunten a Patxi López se lle gusta o proxecto de Vigo, eu ofrézolle o modelo de Vigo para estendelo a toda España, porque é un proxecto de maiorías do 52 por cento, e de ampla participación social", proclamou.

relacionada Cancela reprocha a Caballero que cuestione a lexitimidade de Leiceaga
relacionada Para Caballero, Leiceaga perdeu a lexitimidade que lle deron as primarias
relacionada Abel Caballero a Susana Díaz: "Es o mellor que hai neste partido"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE