O PPdeG, en contra dunha baixada do IVE da luz ao 4%

Tamén rexeita un cambio nas axudas enerxéticas da Xunta para chegar a máis beneficiarios | O PSdeG mostra dúbidas sobre unha baixada xeral do IVE e defende a racionalización da fiscalidade. 


|

Bngnoapresasparlamentomiguelsantalices


O PPdeG votou en contra este martes dunha iniciativa do BNG -apoiada pola oposición-- para reclamar que o Estado baixe o imposto que grava o consumo doméstico de electricidade do actual 21% --o tramo máis alto-- ao superreducido do 4%, así como rebaixar o Imposto Especial de Electricidade, entre outras medidas.


No pleno do Parlamento galego, Noa Presas (BNG) subliñou que "conseguir o abaratamento da factura eléctrica é unha decisión política" e a subida da luz "non se trata dunha praga bíblica" contra a que non se poida facer "nada".


Entre outras cuestións, esta proposta reclamaba elaborar un estudo para avaliar a implantación dunha tarifa eléctrica galega. Tamén avoga por suprimir os suplementos mediante os que se pretende que os consumidores dun territorio abonen totalmente o sobrecusto provocado polos tributos propios das comunidades, como o canon eólico en Galicia.


Respecto diso, Presas lamentou que Galicia "non tivo nunca oportunidade de sacar rendemento económico" de ser produtora de enerxía, á vez que pide que a Comunidade "controle a produción e distribución".


"DEIXEN ESTA IDEOLOXÍA INDEPENDENTISTA"


A esta iniciativa presentou unha emenda o PPdeG, que non aceptou o Bloque ao ver falta de concreción na demanda dunha rebaixa na factura eléctrica. A deputada popular Marta Nóvoa sinalou que aínda que Galicia sexa excedentaria en enerxía, "hai momentos nos que as renovables non chegan para cubrir a demanda", polo que unha tarifa propia "non é sustentable".


Por iso, Nóvoa aconsellou ao partido nacionalista que "deixen esta ideoloxía separatista". "Cada día que paso neste Parlamento son máis separatista, non se preocupe", contestoulle Noa Presas.


"Non sacamos ningún beneficio de illar a Galicia", defendeu a deputada popular, quen sinalou que se conxelaron as peaxes para 2017, e que o prezo da enerxía ten unha "previsible tendencia á baixa".


Pola súa banda, Juan Merlo (En Marea) pediu un cambio de modelo enerxético "urxente e radical", pois tacha de "despropósito" o pago dun IVE do 21% como un artigo de luxo, cando en Galicia miles familias estiveron sen luz durante cinco días.


Abel Losada (PSdeG) defendeu unha emenda na que mostrou dúbidas sobre unha baixada xeneralizada do IVE que beneficie aos que "alumen as piscinas de Alcorcón de noite", polo que considera "máis razoable" que se aborde un proceso global de racionalización da fiscalidade sobre a enerxía a través dunha función redistributiva.


REXEITO A MODIFICACIÓN DE AXUDAS ENERXÉTICAS


Ademais, os populares rexeitaron tamén neste pleno unha moción de En Marea para modificar as axudas enerxéticas da Xunta, co fin de que as subvencións para evitar o corte de luz e o ticket eléctrico cheguen a máis familias e se aumente a súa dotación.


Sobre este extremo, Antón Sánchez (En Marea) denuncia que Galicia é a "segunda comunidade con máis pobreza enerxética". Así, criticou que a Xunta só proporciona axudas a entre 5.000 e 6.000 persoas, mentres hai 198.000 fogares con pobreza enerxética en Galicia.


Nesta liña, Abel Losada (PSdeG) avisou de que no último ano os fogares sen ingresos creceron un 13,5% ata 37.100, pero o ticket eléctrico nin cobre as 10.000 infravivendas existentes en Galicia. "E logo veñen aquí a dicir que se van a cubrir todas as demandas, pero como vai haber demanda se é xente que non ten acceso á información!", queixouse.


Así mesmo, Noa Presas (BNG) indicou que ve "consistente" esta proposta de En Marea, posto que "a poboación á que chegan" as axudas "non é suficiente".


En cambio, o PPdeG asegura que "atendeu o cento por cento de solicitudes", e lembra que Alberto Núñez Feijóo "xa dixo que se estudará a ampliación da poboación diana".

relacionada O BNG propón reducir o IVE da electricidade do 21 ao 4%
relacionada Nadal aconsella "afacerse" ás subidas do prezo da luz

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE