As praias de Ferrolterra, referente turístico para a práctica do surf

A Deputación da Coruña acaba de lanzar a web 'Costa das Ondas',  que serve de escaparate para as principais praias da zona e empresas que prestan servizos aos surfeiros nos 21 municipios da Mancomunidade. 


|

Ferrolterradepuacoruagonzalezformoso


A Deputación da Coruña promociona Ferrolterra como referente turístico para a práctica do surf. Así o afirmou o presidente provincial, Valentín González Formoso, na presentación das actuacións de promoción do destino turístico Ferrolterra-Rías Altas, que tivo lugar onte no Antigo Hospicio de Ferrol.


O acto contou coa participación do alcalde de Ferrol e presidente da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, Jorge Suárez, e da directora xeral de Turismo da Xunta de Galicia, Nava Castro, ademais de diversos empresarios turísticos, aos cales estaba especialmente dirixido o evento.


Un dos eixos principais da presentación foi o lanzamento da web da marca Costa das Ondas, financiada pola Deputación da Coruña, e que serve de escaparate tanto para as principais praias da zona como para as empresas que prestan servizos aos surfeiros nos 21 concellos que integran a Mancomunidade (Ares, Cabanas, A Capela, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Moeche, Monfero, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, As Pontes de García Rodríguez, Pontedeume, San Sadurniño, As Somozas, Valdoviño e Vilarmaior).


González Formoso destacou o "gran potencial turístico e económico" da comarca, que ademais de contar con praias recoñecidas a nivel internacional para a práctica de deportes acuáticos, dispón de 12 escolas e entidades deportivas e 14 empresas que ofrecen servizos complementarios, como poden ser o aloxamento ou a restauración, especialmente dirixidos aos surfeiros. O presidente provincial afirmou que a través da nova web créase "unha gran comunidade que fortalecerá o tecido empresarial", contribuíndo a fixar poboación e diversificar a economía nos concellos máis pequenos.


O obxectivo da marca Costa das Ondas é reforzar o turismo de surf como sinal de identidade da comarca, "consolidando a oferta e adecuándoa ás actuais demandas e tendencias do mercado", explicou González Formoso, e engadiu que entre os beneficios esperados atópanse a desestacionalización e a afluencia continua de visitantes, ademais dun ánimo a outros destinos turísticos próximos como poden ser o Parque Natural das Fragas do Eume ou o Lugar de Importancia Comunitaria Xubia-Castro.


Doutra banda, o compromiso da institución provincial coa comarca de Ferrolterra evidénciase no apoio a eventos como o "Pantín Classic Pro" ou o Festival de Música Celta de Ortigueira, e na promoción do patrimonio natural cultural e etnográfico a través das rutas de turismo industrial ou do Camiño Inglés.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE