Duarte, "tranquilo" tras "esclarecer" que "non houbo trato de favor" a locais de lecer

Declarou durante tres horas e media nos xulgados de Santiago e á súa saída mostrouse "contento" e dixo que confía que se arquive o caso.


|

Jorgeduartejuzagossantiago


O concelleiro de Espazos Cidadáns de Santiago, Jorge Duarte, asegurou estar "tranquilo" e "contento" tras declarar este mércores en calidade de investigado por posible prevaricación administrativa ante a xuíza Ana López-Suevos, ante quen "esclareceu" que "non houbo trato de favor" na tramitación dos expedientes de sanción a varios locais de lecer da cidade, polo que confía no arquivo do caso.


Así o dixo Duarte aos medios tras prestar declaración durante máis de tres horas e media nos xulgados de Santiago, nos que estaba citado para declarar como investigado no caso que se instrúe para pescudar se cometeu trato de favor con algúns establecementos de lecer nocturno da cidade por mor dunha denuncia.


Á súa saída, o edil dixo estar "moi contento" por "poder declarar despois de seis meses de espera", desde que solicitou comparecer ante Fiscalía para "poder esclarecer todas as dúbidas que poida haber e verter luz sobre esta investigación".


"Eu creo que hoxe deixei ben claro e explicado que non houbo ningún trato de favor", resumiu o concelleiro, que criticou que o caso "non se desenvolvese con maior celeridade" e pediu que "se acelere o máximo posible" a investigación para "non estar sometido a un xuízo paralelo".


MAIOR "SEGURIDADE XURÍDICA"


Durante a súa comparecencia xudicial, Jorge Duarte contestou a todas as preguntas e apuntou que "cando algún expediente tiña algún atraso" debíase a que el consultaba "aos técnicos para saber se as infraccións eran graves ou moi graves" ou "se estaban motivadas ou xustificadas". "O que sempre buscaba era que os técnicos achegasen a maior seguridade xurídica e que as decisións quedasen claras", resumiu o concelleiro.


Duarte afirmou sentirse "tranquilo" e "confiado" e ter "a conciencia moi tranquila" sobre a súa actuación, polo que espera que se produza "un arquivo canto antes". "Todo o que fixen este tempo creo que tiña unha fundamentación na maior seguridade xurídica e non me arrepinto de como foi a declaración", apostilou.


Preguntado polos medios, Duarte non quixo aclarar se, no caso de que se abrise un xuízo oral, dimitiría como edil e limitouse a reiterar que a súa declaración "verteu moitas luces". "O que hai que ir é vendo como van os pasos", apuntou, "creo que non debería seguir este procedemento máis aló".

relacionada Noriega inicia unha rolda de encontros con veciños para "render contas"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE