O pesqueiro afundido en Senegal puido ir a pique por sobrepeso

|

Senefanduno


Os tripulantes rescatados do pesqueiro Senefand 1, naufragado o pasado mércores mentres faenaba en augas de Senegal, sinalaron o "sobrepeso no izado do aparello de pesca" como posible causa do afundimento da embarcación.


Tres mariñeiros do barco, un galego natural de Marín (Pontevedra) e dous senegaleses, aínda non foron localizados e continúa activado o dispositivo de procura no que participan desde o venres Salvamento Marítimo de Senegal xunto a unha patrulleira da Garda Civil de Dakar, medios aéreos contratados pola armadora, a embarcación Senefand 2 e barcos locais.


A eles sumáronse un helicóptero da Policía Nacional española, así como unha patrulleira e un avión da Armada Francesa. Ademais, a Secretaría Xeral de Pesca do Goberno español colabora no operativo realizando tarefas de coordinación.


Segundo informou a armadora do pesqueiro, Grupo Profand, con sede en Vigo; os oito tripulantes rescatados --localizados logo de varios días á deriva nunha embarcación de emerxencia-- apuntaron ao sobrepeso no barco como posible causa do naufraxio. Todos eles atópanse en bo estado e recibiron a alta médica na mañá do domingo tras pasar un recoñecemento médico. Entre eles atópase o xefe de máquinas do Senefand 1, natural de Moaña (Pontevedra).


SEN CONTACTO DESDE O MÉRCORES


O último contacto coa embarcación produciuse o pasado mércores pola tarde-noite. Pasadas 24 horas, como parte do protocolo habitual, a empresa tentou contactar novamente coa embarcación sen recibir resposta algunha.


Desde a empresa sinalan que "aínda que as comunicacións non son fiables nesa zona e é o barco o que habitualmente devolve a chamada pouco tempo despois", a filial de Profand en Senegal decidiu iniciar o "protocolo interno de pre-alerta".


Horas máis tarde, ao continuar sen recibir contacto por parte do barco, a compañía armadora deu aviso a Salvamento Marítimo de Senegal, que iniciou as tarefas de localización o venres pola mañá.


O BARCO PASOU REVISIÓN EN OUTUBRO


Logo de ser localizados, os tripulantes rescatados indicaron que a embarcación sufriu un contratempo e afundiu "en poucos minutos". Entre eles atópanse o xefe de máquinas do pesqueiro --natural de Moaña (Pontevedra)--, un caboverdiano, un cidadán de Guineau-Bissau e cinco senegaleses.


O galego que permanece desparecido é o patrón do pesqueiro e é natural da localidade pontevedresa de Marín. O barco, de bandeira senegalesa e con 24 metros de eslora, superou "sen incidencias" o pasado mes de outubro unha revisión técnica en Vigo e, segundo a empresa, "conta con todos os certificados necesarios" e con "equipamento reforzado de localización e seguridade de última xeración".


Grupo Profand ten sede na cidade de Vigo e desenvolve a súa actividade, ademais de en Galicia, en augas de varios puntos do planeta, como Arxentina, Perú, India e Senegal.

relacionada Buscan tres tripulantes dun pesqueiro afundido o venres en Senegal
relacionada Rescatados os 12 tripulantes do pesqueiro galego afundido ao norte de Luarca

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consello editorial Publicidade
Powered by Bigpress