ADEGA denuncia indicios de "prevaricación administrativa" nas batidas do lobo

Solicita a suspensión das cazas autorizadas e que se deneguen máis precintos. Este domingo celebrarase outra en Cotobade.


|

Lobocontrolpoblacional// ADEGA


A organización ecoloxista ADEGA vén de anunciar que levará ante a Fiscalía Ambiental do TSXG as autorizacións de caza do lobo ao entender que se está dando unha "incorrecta execución da norma", e en consecuencia causando un "prexuízo ambiental e ecolóxico a esta especie", ademais de "menoscabando a protección da nosa fauna e flora máis singular", afirman os ecoloxistas.


Denuncian ademais que hai indicios de "prevaricación administrativa" no proceder da administración nesta cuestión "conforme ao artigo 404 do Código penal".


Neste sentido, ADEGA anuncia que presenta unha "detallada denuncia dos feitos diante da Fiscalía" achegando argumentos "que proban de que se estarían ditando resolucións para 'controis poboacionais' de lobo de maneira discrecional", cun "claro propósito de favorecer unha actividade cinexética que a lei de caza limita ostensiblemente".


AVALIACIÓN TÉCNICA


Segundo a organización ecoloxista, o artigo 8 do Plan do Lobo dispón que para que teñan lugar "controis poboacionais" deberase previamente comprobar a "ineficacia dunha avaliación técnica dos danos sobre o gando, da adopción de medidas preventivas, do grao de conflitividade social e do estado poboacional do lobo".


INEFICACIA DOS "CONTROIS" POBOACIONAIS A DISCRECIÓN


ADEGA lembra ademais que nesta nova lexislatura a Consellería de Medio Ambiente "incrementou as autorizacións para controis", ben con batidas ou con esperas, derivando algunhas nunha "auténtica chafallada" como o recente caso de Friol, que finalizou "coa morte dun can".


A organización anuncia que o vindeiro domingo 12 terá lugar outra batida en Cotobade, concello no que nos últimos meses "se autorizaron varios 'controis poboacionais' de lobo, en atención ás demandas dun particular que estaría a resultar danado por ataques do lobo".


Para ADEGA a Administración "non fixo suficiente para afrontar esta problemática nin para desactivar o conflito", fallando nos "incentivos e apoios" e na posta en marcha de "medidas de prevención", así como no "pago áxil dos danos".


EFECTO REBOTE


ADEGA inclúe na súa denuncia que sobre os controis poboacionais existe unha literatura científica xeneralizada que indica que este tipo de medidas drásticas "provocan un efecto contrario ao que pretende". A destrución ou alteración da particular estrutura social que marca as pautas de comportamento dos lobos que viven en grupos familiares, "incrementa os ataques a presas fáciles", da que o gando ocupa unha posición preferente.

relacionada Medio Rural e o alcalde de Aranga reciben premios á "peor actuación ambiental" de Adega
relacionada A Xunta aproba 380.000 euros de axudas para paliar os danos por ataques de lobo
relacionada Detido un cazador por matar a dous axentes rurais en Lleida

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE