Xa son 79 as granxas galegas certificadas que producen leite ecolóxico
O prezo pago por litro rolda os 0,50 euros, polo que a Xunta aposta de forma decidida por este sector en alza como "medio de vida digno e saudable".
Un total de 79 granxas galegas contan con certificación para producir leite ecolóxico na Comunidade, das que 37 xa venden o seu leite e outras 42 están en proceso de conversión.
Así o anunciou este venres a directora xeral de Gandaría, Belén do Campo, que inaugurou en Monforte de Lemos (Lugo), a xornada de comercialización de produtos ecolóxicos organizada polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega).
A directora xeral apuntou que as mellores estratexias para que os produtores se afiancen no mercado son adherirse a unha denominación de orixe ou apostar pola agricultura ecolóxica. No ámbito do leite apuntou que o prezo pago por litro rolda os 0,50 euros, polo que a Xunta aposta de forma decidida por este sector en alza como "medio de vida digno e saudable".
Belén do Campo indicou que a Consellería do Medio Rural vai iniciar a redacción do Plan Estratéxico da Agricultura Ecolóxica, que ten como obxectivo poñer en valor este ámbito e avaliar as accións para desenvolver que axuden a potenciar este tipo de producións.
O sector agroecolóxico, apuntou a directora xeral, experimentou un "importante crecemento" en 2015, de forma que alcanzou as 20.300 hectáreas e unha facturación por encima dos 33 millóns de euros.
Escribe o teu comentario