O BNG pide eliminar as trabas a persoas discapacitadas que queiran casar

O Parlamento apoiou a iniciativa, que pide revogar o artigo 56 do Código Civil. 


|

Discapacidadsilladeruedas


O Parlamento de Galicia apoiou por unanimidade unha iniciativa, presentada polo BNG e transaccionada co PP, que pide á Xunta que solicite ante o Goberno central a "revogación" e substitución do reformado artigo 56 do Código Civil, en canto "discrimina" ás persoas con discapacidade que desexen contraer matrimonio.


A iniciativa foi presentada en Comisión pola deputada do BNG Montse Prado, que lembrou que esta reforma, que entrará en vigor o 30 de xuño de 2017, "endurece" os requisitos para contraer matrimonio ás persoas con discapacidade.


Así, onde antes se requiría un ditame sobre a súa aptitude para "contraentes afectados por deficiencias ou anomalías psíquicas", recóllese a necesidade deste ditame para persoas "afectadas por deficiencias mentais, intelectuais ou sensoriais".


Este cambio supón, para Prado, un "retroceso" nos dereitos das persoas con discapacidade, que ven "restrinxido" esta facultade "en sentido amplo". "Poden non ver ou non oír, pero saben o que queren e teñen capacidade de decidir", apuntou Prado.


"CIDADÁNS DE SEGUNDA"


Na súa intervención, a deputada de En Marea Carmen Santos cualificou de "aberrante" o artigo do Código Civil e afeou á deputada popular que non empregase o termo "diversidade funcional" na súa argumentación.


Santos destacou a importancia de que este colectivo sexa "tratado de forma digna e non como cidadáns de segunda" e de que, en todo caso, conten con "apoio na súa toma de decisións" para non ser "excluídos". "As autoridades e funcionarios públicos deben implicarse nestes procedementos", resumiu.


Na mesma liña, Patricia Vilán, do PSdeG, lembrou que a modificación debatida foi "proposta polo PP" en contra de a "normativa internacional en vigor" que fai referencia "especificamente a que non se pode limitar a capacidade xurídica das persoas con discapacidade".


"Se vincula deficiencia e discapacidade e limítase a capacidade en ambos os casos, polo que a proposta de reforma está máis que xustificada", explicou a deputada socialista tras mostrar o seu apoio á proposta.


EMENDA POPULAR


Pola súa banda, a deputada do PPdeG Paula Prado recoñeceu que "a redacción" aprobada deste punto "non é moi afortunada", aínda que lembrou que o Ministerio de Xustiza está xa "traballando coas asociacións" que operan no ámbito da discapacidade para "fixar unha interpretación" deste artigo.


"Ten que ser ese texto o que se aprobe e non o que nós propoñamos", subliñou Prado, que apostou por instar o Goberno a "mellorar a redacción" deste apartado tendo en conta a opinión dos implicados.


Finalmente, os grupos chegaron a unha transacción para pedir á Xunta que inste o Executivo central a "revogar" este artigo e substituílo por un "texto consensuado coas asociacións da discapacidade", unha opción que contou co apoio de todos os grupos.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE