Rubén Blanco: "O importante é ter a eliminatoria viva para Balaídos"
O porteiro celeste asume que o Madrid parte como favorito na eliminatoria de Copa e non cre que lle pase factura a derrota en Sevilla.
Rubén Blanco avisa de que o Celta daráo todo contra o Real Madrid na eliminatoria de Copa. "Eles son favoritos", asume o meta celeste, "pero imos a Madrid para tentar pasar de rolda". As intencións do Celta están claras: "Marcar fóra sempre é importante a dobre partido, pero o máis importante é ter a eliminatoria viva para Balaídos porque na casa somos máis fortes".
O gardameta recoñece que "noventa minutos no Santiago Bernabéu fanse moi longos" para un obxectivo ambicioso e cre que "sairán máis motivados" tas a derrota sufrida ante o Sevilla. "O Madrid é un equipo afeito a gañar case sempre e antes dese partido levaban 40 sen perder", lembra.
Sobre o porteiro que xogará no Bernabéu, Rubén apuntou que "eu quero xogar o máximo de partidos posible, estou contento coa continuidade e é lóxico querer xogar, pero o míster non nos dixo nada".
No adestramento da Madroa non estivo, con todo, o chileno Fabián Orellana. Recibiu a alta hai unha semana da súa última lesión, pero quedou no ximnasio por "decisión técnica".
Escribe o teu comentario