El Corte Inglés doa 40.000 euros a ACNUR para escolarizar a 2.000 nenos refuxiados
A empresa achegou parte das vendas da firma 'Fórmula Joven', durante unha acción que se levou a cabo do 12 de setembro ao 15 de outubro de 2016.
El Corte Inglés vén de doar 40.000 euros á Axencia da ONU para os Refuxiados, ACNUR, para axudar á escolarización de 2.000 nenos refuxiados de diferentes países, segundo informa a compañía.
Esta cantidade foi obtida para apoiar o proxecto 'Educa a un neno' de ACNUR, co que El Corte Inglés colabora por segundo ano consecutivo. A empresa achegou parte das vendas da liña 'Fórmula Joven', durante unha acción que se levou a cabo do 12 de setembro ao 15 de outubro do pasado ano.
Esta iniciativa forma parte do convenio de colaboración asinado entre El Corte Inglés e o Comité español de ACNUR, polo que a compañía se comprometeu a impulsar, por diversas canles, o programa 'Educa a un Neno' durante tres anos. O obxectivo deste proxecto é escolarizar un millón de nenos en educación primaria nos países de Chad, Etiopía, Kenia, Ruanda, Sur Sudán, Uganda, Siria, Irán, Paquistán, Iemen, Malaisia e Sudán.
Segundo ACNUR, con 20 euros un neno refuxiado podería ir á escola por primeira vez, o que lle permitiría empezar a súa educación, incrementar as súas posibilidades de autosuficiencia no futuro e coidar de si mesmo.
Ao acto de entrega, que tivo lugar este luns 16 de xaneiro en Madrid, asistiron a directora de proxectos e relacións institucionais do comité español de ACNUR, Belén Camba, e a directora de comunicación corporativa do Corte Inglés, Ester Uriol.
Escribe o teu comentario