Biotecnoloxía e madeira, obxectivos para a "reindustrialización" de Santiago
Xunta, Concello, USC e empresarios selan unha estratexia co horizonte posto no próximo ano santo 2021.
Xunta, Concello de Santiago, USC, Cámara de Comercio e empresarios do Polígono do Tambre selaron este luns unha estratexia que ten como obxectivo a "reindustrialización" de Compostela co horizonte do próximo ano Xacobeo, en 2021.
Nun acto con representantes de todos estes axentes --co alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e os conselleiros de Economía e Infraestruturuas, Francisco Conde e Ethel Vázquez, entre outros-- se chamou a atención sobre a necesidade de traballar de forma conxunta para o asentamento de empresas na capital de Galicia e a captación de proxectos de investimento para os polígonos da Sionlla, Costa Vella e Tambre.
Así, o presidente da Asociación Área Empresarial do Tambre, Jesús Chenel, avogou pola "cooperación como fórmula de traballo" co "obxectivo fundamental" desa "reindustrialización" de Santiago no horizonte do próximo Ano Santo.
Tras apuntar que este acordo é unha continuación dun convenio asinado en 2015 entre empresarios, a Xunta e Concello, ao que agora suman máis axentes, reclamou "un apoio máis profundo" do Goberno galego, xa que considera que a capital de Galicia "non está industrializada como merece".
E é que o obxectivo do protocolo é establecer un marco de actuación para realizar unha planificación de forma conxunta para o desenvolvemento de infraestruturas, optimizar recursos investidos e aproveitar sinerxias, nun acordo que se estende ata o 31 de decembro de 2020.
Nesta colaboración inclúense todas as formacións con representación no Concello de Santiago, así como diversas entidades como o Instituto de Vivenda e Solo (IGVS) e o Instituto Galega de Promoción Económica (Igape), ademais do exalcalde de Santiago Xerardo Estévez a título de experto independente, entre outros.
BIOTECNOLOXÍA E MADEIRA
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, subliñou que esta reindustrialización debe pasar por unha aposta por "sectores emerxentes" en Santiago, como a posta en marcha dun polo biotecnológico, "non só sanitario", senón agroalimentación vinculada ao medio rural, e no fomento do sector da madeira, co apoio da recentemente creada Axencia Forestal de Galicia.
Nesta liña, Conde apoia esta iniciativa "especialmente relevante" para "fixar tecido industrial" nun prazo entre "cinco e dez anos", e crear emprego de calidade a través da innovación, unha maior competitividade e fomento das exportacións.
Tamén a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, resaltou a vontade para "sumar esforzos", á vez que lembrou que a Xunta activou bonificacións do 30% no chan industrial na Sionlla, de maneira que nos dous últimos anos vendéronse preto de 70.000 metros.
Ethel Vázquez asegura que a Xunta seguirá fomentando a oferta de chan en dereito de superficie --semellante a un aluguer simbólico con dereito a compra--, que na Sionlla está vinculado a sectores como a biotecnoloxía, a construción e rehabilitación sustentable, ciencias da saúde e a transformación da madeira.
Ademais, a conselleira referiuse á recente licitación da variante de Aradas, que supoñerá unha mellora para o acceso de tráfico ao polígono, e cuxa execución se iniciará a mediados deste ano.
"SINERXIAS"
Pola súa banda, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, subliñou que este é "un día importante" para a cidade, xa que estas "sinerxias" repercutirán no ben de Compostela, mediante un "espazo poliédrico" e "prorrateado en esforzos".
Por iso, o rexedor, sen querer "criminalizar" o debate e a pluralidade de visións, valorou os "espazos de consenso" entre os "diferentes motores da cidade".
Xunto a isto, o reitor da USC, Juan Viaño, destacou da presenza da "tripla hélice" neste acordo, nunha unión entre administracións, universidade e mundo empresarial na aposta por un polo tecnolóxico na comarca. Así mesmo, felicitouse pola incorporación de máis axentes a esta estratexia: "Agora si que estamos todos os que tiñamos que estar".
Finalmente, Jesús Chenel avanzou que leste mesmo luns unha empresa da cidade, da que non quixo revelar o seu nome, interesouse na compra de 12.000 metros de chan empresarial.
Escribe o teu comentario