​Lucas Vázquez supera a Amancio como o galego máis laureado do Real Madrid


|

O futbolista de Curtis suma 14 títulos no seu envexable palmarés, un máis que os cultivados por outra lenda branca.


Supera tamén a xogadores da talla de Paco Buyo ou Michel Salgado, así como outros galegos como Luís Suárez, Marcelino ou Nacho Novo. 


Lucas vazquez

Lucas Vázquez celebrando a 35ª liga do Madrid | Foto: @Lucasvazquez91


Non é titular indiscutible nin é o máis aclamado polo público, pero é indispensable para os seus adestradores e moi valorado entre os seareiros do Real Madrid. Lucas Vázquez soubo ser un comodín dentro dun dos mellores equipos da historia do fútbol mundial. O galego sempre foi un exemplo de profesionalidade no vestiario do Bernabéu, afeito aos egos ou xogadores máis díscolos, como Gareth Bale.


Con todo, sen facer ruído e sempre disposto para a batalla, Lucas Vázquez estivo sempre aí, preparado para saltar ao campo e na foto dos últimos 14 títulos que loce a vitrina do Real Madrid.


Nesta última tempada, Lucas tivo que reinventarse, como sempre. As necesidades dos brancos levárono ao lateral dereito, ao extremo ou ao centro do campo. Desde o carril do dous fixo o gol da vitoria no Clásico no Camp Nou, que terminou 1-2. Tamén no último mes, ante Xetafe e Osasuna, fixo goles importantes, achegando aos merengues ao título ligueiro.  


Alá onde había un oco encaixaba o de Curtis, criado na Fábrica e exemplo de constancia. Premio a esa entrega son os máis de 1.500 minutos xogados este ano só en Liga, un curso especialmente proveitoso. En Champions, a pesar de todo, non tivo tanto protagonismo, pero o seu bo facer podería devolvelo ao once o mércores ante o City.


ADIANTA A AMANCIO

Con este título de Liga, Lucas supera a Amancio no podio de xogadores galegos máis laureados. Con 14 títulos, o de Curtis iguala ao gañador de nove ligas, tres copas e unha Copa de Europa. 


Amancio, a pesar de todo, presume dunha Eurocopa, título que se lle escapou a Lucas Vázquez. A Lucas “sálvanlle ” os títulos internacionais: gañou oito -tres Champions, tres Mundiais e dous Supercopas-, polos seis nacionais -tres ligas e tres supercopas-.


PACO BUYO, SALGADO, NACHO NOVO...

Ao ronsel de Vázquez, atopamos a outras lendas galegas do Madrid, como Paco Buyo, con doce, ou Michel Salgado, con once, ou Diego López, con tres.  


Tamén supera, por moito, a carreira doutros mitos galegos do balompé, como Luís Suárez, que gañou títulos no Barça e Inter -e que presume de ser o único Balón de Ouro nacional-, Nacho Novo, recoñecido como un dos mellores artilleiros do Glasgow Rangers, Marcelino, heroe na Eurocopa do 64 e mito do Real Zaragoza, ou Fran, ídolo indiscutible do deportivismo e o home que levantou a copa do ‘Centenariazo’.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consello editorial Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE