As denuncias de cidadáns aos que vulneraron os seus dereitos lingüísticos duplicáronse no último ano

O último informe de 'A Liña do Galego' da Mesa pola Normalización Lingüística evidencia a incómoda realidade na que vive a lingua.


|

O último informe de 'A Liña do Galego' da Mesa pola Normalización Lingüística evidencia a incómoda realidade na que vive a lingua.


Segundo este documento, a maioría de queixas déronse, unha vez máis, no ámbito sanitario, como a ocorrida en Rianxo e que acabou coa aplicación da 'Lei Mordaza' ao afectado.


Linhadogalego 2021 Presentacion

Presentación do informe | Foto: A Mesa


Falar galego sen medo e sen pelos na lingua. Iso é o que busca a canle 'A liña do Galego', o servizo de queixas de A Mesa pola Normalización Lingüística que recompila as denuncias de cidadáns que narran experiencias desagradables relacionadas co uso da lingua e a vulneración de dereitos que sofren. No texto, un ano máis, volveu evidenciar que a administración pública, e máis concretamente a atención na sanidade pública, levan a palma neste sentido.


Un exemplo é o relatado hai uns meses neste diario pero que tivo o seu último episodio a semana pasada, cunha nova fase do proceso xudicial no que se ve inmerso un veciño de Rianxo que reclamou ser atendido en galego durante un cribado e ao que lle negaron ese dereito, ademais de non sometelo ao test da Covid-19. Sancionado cunha multa de 601 euros, desde A Mesa deron o seu apoio ao procesado e asumirá os custos do recurso penal e as posibles sancións. 


Pero como este, hai moitos máis. En total, 488 expedientes de queixas abertos no último ano, aos que hai que sumar 55 consultas e 58 felicitacións a través de chamadas, emails e mensaxes a través da app.


GOOGLE, ABANCA, IKEA...

A entidade en defensa da lingua presentou o informe da man de Marcos Maceira, presidente da organización, Celia Armas, secretaria xeral da Mesa, e María Muíño, deputada de Lingua da Deputación da Coruña. O SERGAS volve ser o foco de moitas miradas neste informe. "É no ámbito da administración onde a cidadanía é máis consciente da existencia dunha normativa que ampara os seus dereitos lingüísticos, polo que tolera menos o seu vulneración", explica Armas.


Con todo, as propia Armas lembra que é no sector privado onde aínda queda moito traballo por facer e que son as empresas as que deben asumir máis responsabilidades. Grandes empresas como Endesa, Google ou Ikea son das máis denunciadas. "A maioría destas queixas derivan da falta de atención oral e escritura en galego, da sinalización e rotulación dos establecementos exclusivamente en español e da deturpación de toponimia galega nas comunicacións escritas e nas páxinas web das empresas", comenta A Mesa na súa nota.



Neste exercicio, 'A liña do galego' logrou que Milanuncios corrixise o topónimo de  A Coruña, así como triunfos coa Xunta -a plataforma E-Saude comezou a abrirse en galego por defecto- ou con entidades bancarias -compromiso de Abanca a poñer ao dispor dos seus clientes documentación en galego-.


Armas lembrou a importancia de "denunciar, reclamar, actuar", ferramentas "que ten a sociedade galega" para lograr cambios. Esta canle é "un informe de referencia para unha institución da importancia do Consello de Europa ou o relator da ONU para os dereitos das minorías", insiste Armas, á vez que recalca os incumprimentos de acordos e lexislación nacional, estatal e internacional en relación ao galego "fronte ás 500 normas que amparan ao castelán".


"UNHA MOSTRA MÍNIMA"

Pola outra banda, Maceira celebrou a "consolidación" deste servizo, que vén acompañado dun aumento de queixas. "A Liña é o único recurso de moitas persoas contra a frustración, as ofensas continuas e os malos tratos a persoas que o único que queren facer é vivir en galego con toda a normalidade posible", comenta o presidente.


"O que presentamos no informe é unha mostra mínima do que acontece en Galicia co galego, temos a certeza de que hai miles de casos semellantes mais só chéganos unha parte pequena. Hai quen ten interese en reducir o galego ás mínimas posibilidades de uso e ás veces nin sequera ao ámbito privado", condena.


Maceira lamenta que a falta de máis apoio público evita que A Mesa poida chegar a máis lugares. Con todo, a Deputación da Coruña mostrouse concienciada con esta problemática e Muíño subliñou a importancia de contar cunha plataforma como esta, "un proxecto necesario, singular e excepcional" que conta co respaldo do ente provincial para este 2022 -concretamente 34.000 euros dun orzamento total de 42.500, o que supón o 80%-.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE