A nova conselleira delegada do grupo xornalístico O Progreso será Branca de Cora García-Montenegro
A empresa lucense controla cabeceiras como O Progreso de Lugo e Diario de Pontevedra, ademais de Axencia Galega de Noticias.
O consello de administración do Progreso acordou, nunha reunión celebrada en Lugo, o nomeamento de Branca de Cora García-Montenegro como nova conselleira delegada da compañía, tras un acordo adoptado por unanimidade que se enmarca dentro do proceso de renovación dos órganos de dirección do centenario grupo galego de comunicación.
Licenciada en Ciencias Económicas pola Universidade Complutense de Madrid e máster en Banca e Finanzas na Escola de Finanzas Aplicadas, Branca de Cora traballou na área de Análise de Mercados do Grupo Analistas Financeiros Internacionais, presidido polo profesor Emilio Ontiveros, así como nunha das principais entidades financeiras da Comunidade galega. Antes de incorporarse como conselleira ao Progreso iniciouse no mundo editorial da man de Heraldo de Aragón, en Zaragoza.
EXPERIENCIA NA EMPRESA FAMILIAR
Desde 2006 era adxunta á presidencia no Progreso, "co que acumula unha ampla experiencia polas súas responsabilidades executivas en diferentes áreas do grupo", segundo indicaron desde a empresa.
Ademais, a nova conselleira delegada forma parte da xunta directiva da Asociación de Medios de Información (Ami), "o que lle permite coñecer de primeira man os problemas e as necesidades do sector". Tamén foi membro do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e do fórum da Asociación Galega da Empresa Familiar.
Branca de Cora asume con ilusión este cargo de nova creación que amplía as súas competencias dentro do grupo editor, inmerso nun proceso de renovación xeracional co que quere afrontar os retos pendentes sen desviarse da liña trazada nas últimas décadas, que posibilitou a súa expansión por Galicia e o desenvolvemento de importantes proxectos tanto na provincia de Lugo como en Pontevedra e Santiago.
Doutra banda, Branca García Montenegro, que se puxo á fronte do diario en 1993 tras a morte do seu esposo, Purificación de Cora Paradela, continuará como presidenta editora do Grupo O Progreso.
Así mesmo, José de Cora Paradela, actual director xeral, será o novo vicepresidente e conselleiro editorial, cargos que compatibilizará co seu labor xornalístico e literario tanto no diario de Lugo, que dirixiu entre os anos 1980 e 1994, como en Diario de Pontevedra e outros medios.
Antonio de Cora García, pola súa banda, asume a dirección xeral de Diario de Pontevedra, a outra cabeceira de referencia do grupo, da que actualmente era conselleiro executivo. Ademais, o xornalista e escritor Gonzalo de Cora Sierto continúa como vogal do consello de administración, que deu luz verde a todos estes nomeamentos.
Escribe o teu comentario