O 1 de marzo abre o prazo de admisión para a primeira promoción da universidade privada de Abanca
O desembarco da primeira unviersidad privada en Galicia, a bautizada como 'Universidade Intercontinental da Empresa' de Abanca, é xa unha realidade irrevogable, a pesar da oposición do ensino público.
Esta universidade privada contará, no seu inicio, con catro graos, entre eles Enxeñería da Empresa, único no sistema universitario español.
Foto: EP
A Universidade Intercontinental da Empresa (UIE), promovida por Abanca, abrirá o próximo 1 de marzo o seu prazo de admisión das titulacións de grao para o curso 2022-2023, co que inicia a súa andaina.
Terá inicialmente catro graos nos seus dous campus da Coruña e Vigo: Administración e Dirección de Empresas, Administración de Negocios Dixitais, Enxeñería en Sistemas Intelixentes e Enxeñería da Empresa, esta última incorpórase como novidade no sistema universitario español. A elas súmanse as titulacións de máster en Tecnoloxía e Intelixencia de Datos e o máster en Dirección e Administración de Empresas (MBA).
Nun comunicado emitido por Afudanción, a obra social de Abanca, definen a UIE como unha universidade de "vangarda, privada e de servizo público, sen ánimo de lucro e comprometida co desenvolvemento sostible da sociedade, da cultura e da economía galega".
Ademais, sitúana como "un proxecto estratéxico de responsabilidade social corporativa e institucional de Abanca e Afundación, financiada exclusivamente cos seus propios recursos, polo que os rendementos de UIE reinvestiranse completamente na institución".
A Universidade Intercontinental da Empresa destinará a bolsas ata o 15% dos seus ingresos anuais, "dando prioridade a persoas con talento ou que teñan un baixo nivel de renda".
INTERNACIONALIZACIÓN E PRÁCTICAS
Uno dos principios fundacionais desta universidade é a internacionalización, baixo o lema "de Galicia para o mundo". Segundo a nota emitida por Abanca, a UIE proporcionará ao estudante unha experiencia "internacional, bilingüe e multicultural, dentro e fóra da institución". Así, nos plans de estudos de todos os graos está prevista a mobilidade do alumnado, con convenios con "universidades de prestixio".
Así mesmo, tamén desenvolverán unha estreita colaboración co sector empresarial como parte do proceso educativo para "reducir a brecha entre o coñecemento e a práctica no día a día das organizacións".
O prazo de admisión estará aberto en primeira convocatoria ata o 30 de abril e abrirase unha segunda convocatoria entre o 2 de maio e o 31 de xullo.
Escribe o teu comentario