Sete anos de inhabilitación para o popular Antonio Pensado, exalcalde de Coristanco, por autorizar residuos de construción nunha leira

Impón a mesma pena, como cooperadores necesarios, aos tres irmáns propietarios da empresa

|

O exregidor foi condenado pola Audiencia Provincial da Coruña por un delito de prevaricación, polo que non poderá exercer un emprego ou cargo público durante sete anos.


 Con todo, a Audiencia tamén absolveu ao exalcalde dos demais delitos de prevaricación que lle imputaba o Ministerio Público, así como do de falsidade, e, aos empresarios, dos demais delitos de prevaricación e do de tráfico de influencias.


Antonio pensado

Beatriz Mato e Antonio Pensado en 2014 | Foto: Xunta.gal


A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña condenou ao que foi alcalde de Coristanco entre 1991 e 2015 a sete anos de inhabilitación para emprego ou cargo público por cometer un delito de prevaricación ao autorizar, en 2012, a unha empresa para almacenar residuos de demolición e construción nunha leira.

O tribunal, que tivo en conta a atenuante de dilacións indebidas, destaca que a resolución do entón rexedor municipal foi "arbitraria e contraria á legalidade" e impuxo a mesma pena, como cooperadores necesarios do delito de prevaricación, aos tres irmáns administradores da compañía beneficiaria.


Os xuíces aseguran que o exalcalde actuou "concertadamente" cos tres empresarios "para tratar de deixar sen efecto" as sancións da Xunta polo depósito de materiais non autorizado, segundo informou o TSXG. Os maxistrados consideran que era "evidente" que a autorización "se apartaba de calquera legalidade vixente" e que esa circunstancia era "coñecida por todos os acusados, debido a que no ano 2007 xa houbo denuncias por provisión de material na mesma leira e un expediente sancionador da Xunta".


Tamén explican que, segundo declararon os axentes da Garda Civil e do Seprona que se desprazaron ao terreo, nel había "múltiple material que estaba amontoado". Tras a inspección, un dos tres empresarios, segundo consta na resolución, foi ao Concello para conseguir "un papel para acreditar que tiñan autorización".


OUTROS ARGUMENTOS

Por iso, o exalcalde emitiu un escrito, coa súa firma e co selo do Concello, o cal carecía "de calquera requisito que permita entendelo axustado á legalidade", segundo os xuíces, quen subliña que a competencia para autorizar esa provisión de materiais é da Consellería de Medio Ambiente.


Ademais, o tribunal sinala que "tampouco existe ou consta expediente algún relativo a dita autorización" e recalca que os acusados "coñecían a inxustiza da resolución, que precisamente trataba de liquidar esa situación na leira, pero que xa viña producindo de tempo atrás, e xustificar ante a inspección realizada o contar coa correspondente autorización".


ABSOLTO DOUTROS DELITOS

Na sentenza, a Audiencia tamén absolveu ao exalcalde dos demais delitos de prevaricación que lle imputaba o Ministerio Público, así como do de falsidade, e, aos empresarios, dos demais delitos de prevaricación e do de tráfico de influencias.


Así, entende que non quedou acreditado que o entón rexedor municipal, que no xuízo negou os cargos que se lle imputaban, tratase de favorecer aos tres irmáns empresarios, aos que supostamente lle unía unha amizade, á hora de adxudicar obras.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE