(VÍDEO) Ecoloxistas en Acción e veciños de Touro denuncian as novas verteduras na balsa mineira de Bama
A plataforma ‘Ecoloxistas en Acción’ e a plataforma veciñal ‘Mina de Touro – O Pino Non’ veñen de denunciar as verteduras que se están producindo na balsa mineira de Bama, en Touro.
A plataforma ‘Ecoloxistas en Acción’ e a plataforma veciñal ‘Mina de Touro – O Pino Non’ veñen de denunciar as verteduras que se están producindo na balsa mineira de Bama, en Touro.
Os colectivos piden responsabilidades a Augas de Galicia, á que acusan de mirar cara a outro lado, a pesar da promesa da institución de vixiar as verteduras na zona.
Augas contaminadas en Touro | Foto: Mina Touro - O Pino Non
As augas de Touro volven correr cuns niveis de contaminación preocupantes nas inmediacións da balsa mineira de Bama despois das fortes choivas dos últimos días. Os afluentes que atravesan o terreo da antiga mina terminan vertidos no medio co risco ecolóxico que iso supón e os veciños da zona están moi preocupados polos efectos que isto pode ter.
O caso xa foi posto en coñecemento tanto de Augas deGalicia como do SEPRONA despois das denuncias de ‘Ecoloxistas en Acción’ e a plataforma veciñal ‘Mina de Touro – O Pino Non’. “As choivas están a arrastrar os residuos almacenados na contorna do denominado Humidal de Bama, espallando os residuos e lixiviados polos camiños e regatos da zona”, denuncian os ecoloxistas, á vez que alertan da cor escura e o cheiro “fétido” das propias augas, ademais da súa característica escuma.
A auga contaminada de Bama termina no río Burgo, que á súa vez termina no Brandelos, que desemboca no Ulla. A contaminación deste último pode ter un efecto fatal para a ría de Arousa.
As plataformas sinalan como responsables a ExplotaciónsGalegas, por reunir “toneladas de residuos sen control”, e a Augas de Galicia, á que tachan de cómplice por “autorizar” as verteduras. “Todo ben, Xunta?”, preguntan os veciños de Touro.
“A organización ecoloxista lembra que non é a primeira vez que isto sucede, nin a primeira vez que se denuncia por parte das asociacións, polo que espera que a administración competente adopte sen máis demoras as medidas necesarias para impedir que prosiga a contaminación das augas da zona afectada”, conclúen desde Ecoloxistas en Acción.
Escribe o teu comentario