Inditex (Zara, Pull&Bear, Massimo Dutti, Bershka, etc.) xa está de rebaixas na rede
Pese ao auxe do comercio en liña e a pandemia, moitas persoas acudiron ás tendas buscando, sobre todo, "pezas xa fichadas" con anterioridade
O pequeno comercio de proximidade é o máis prexudicado polos descontos que ofrecen grandes cadeas coas que non poden competir, ofertas que nestas datas rozan o 40%.
NA WEB VOAN RÁPIDO
Nestas plataformas, moitas das pezas esgotáronse enseguida, motivo polo que algunhas persoas achegáronse este venres á tenda física. "Tiña fichado un abrigo en termporada e estaba a esperar polas rebaixas para compralo, pero cando mirei na web estaba xa esgotado. Vin agora e tiven sorte", explica Alba, de 26 anos."Os descontos están como sempre, ao principio, entre o 20% e o 40%, igual este ano un pouco máis", indica outra nova, que recoñece que devolverá gran parte do que comprou, que non se probou. "Para os probadores hai moita cola e con todo o da covid... Lévomo e próboo en casa con calma, e logo xa devolvo o que queira", comenta.
As colas nos probadores, iso si, eran máis curtas que outros anos. Non así as das caixas nin tampouco a que se formou esta mañá ás portas do local que Zara ten na Rúa Compostela da Coruña, antes da súa apertura ás 10,00 horas; unha imaxe habitual en anos pasados.
Os MOZOS SON MÁIS IMPULSIVOS
Aínda que recoñecen, en especial os máis novos, que xa prefiren a compra en liña, moitos optaron pola compra presencial, sobre todo os consumidores de máis idade, que prefiren "tocar a peza, probala e se tal, comprala".Tamén respecto a os orzamentos hai diferenza entre xeracións. Os máis novos recoñecen que, aínda que teñan "fichadas" unas cantas cousas, acaban "caendo", sobre todo a final de rebaixas, con "caprichos" ou cousas que, "aínda que non se necesitan, están ben de prezo". Os maiores apostan, con todo, por comprar "con cabeza" e por esperar á segunda quincena, con maiores descontos. "Se espero a finais de xaneiro, xa non hai talla; xa case non hai agora", replica Alba.
O PEQUENO COMERCIO, PREXUDICADO
Os maiores son ademais os que máis apostan por acoden o pequeno comercio, de proximidade, "o máis afectado" fronte aos grandes descontos das multinacionais de moda rápida, segundo sinala a Asociación Galega de Xerencia de Centros Comerciais Abertos (AGAXECCA).
Nun comunicado, a asociación sinalou que as rebaixas deste ano volven escenificar a "indefensión" do comercio de proximidade fronte ás "campañas agresivas das grandes cadeas".
"A desregulación das rebaixas, aprobada no ano 2012, permitiu establecer saldos en calquera momento do ano e para calquera produto, sen necesidade de que estivese previamente en stock. Esta decisión, coa que se esperaba mellorar a competitividade e aumentar a facturación do sector, non tivo os efectos esperados. A competencia provocou unha loita de prezos, agravada polo auxe do comercio electrónico, que tivo como principal prexudicado ao pequeno comercio local", explicaron.
Afean ademais a conduta das marcas que adiantaron as rebaixas de inverno, que "botaron por terra as expectativas do comercio de proximidade para a última semana das compras do Nadal".
É por este motivo que a AGAXECCA solicitou "volver regular as rebaixas" e así "protexer á pequena economía local". Piden que se recupere o calendario marcado para as rebaixas de inverno e de verán, desde o 7 de xaneiro e desde o 1 de xullo, respectivamente, e lembran que países veciños xa tomaron medidas nesta liña. Portugal, prohibiu por lei os saldos, ata o próximo 10 de xaneiro, "para protexer a un sector moi castigado polas restricións sanitarias".
A crise sanitaria, recoñecen encargados de pequenos comercios téxtiles, minguou "moitísimo" os seus ingresos. "E non contamos coa capacidade para resistir dos grandes", incide María, dependenta nun comercio coruñés. Con todo, móstrase "esperanzada", sobre todo polo apoio dos veciños, os clientes máis habituais para este tipo de tendas, pero tamén pola posibilidade de que os descontos, publicitados a través de redes sociais, consigan atraer a novos clientes "con ganas de algo diferente".
E é que moitas tendas de proximidade uníronse ao comercio electrónico e contan ademais con perfís en redes como Instagram ou Facebook--, o que lles permitiu "chegar a novos clientes", un dos motivos polos que son "positivos" ante as perspectivas de vendas.
Escribe o teu comentario