Jácome rompe co PP e competirá contra Feijóo pola Xunta
O líder de Democracia Ourensá anunciou no seu perfil de Twitter que ten decidido que a súa forza concorra ás próximas eleccións autonómicas e xerais. A aparición de DO no escenario político podería desestabilizar o equilibrio que a dereita mantén non só en Ourense coa Deputación que preside Baltar, senón tamén en San Caetano.
O líder de Democracia Ourensá anunciou no seu perfil de Twitter que ten decidido que a súa forza concorra ás próximas eleccións autonómicas e xerais.
A aparición de DO no escenario político podería desestabilizar o fráxil equilibrio que a dereita mantén non só en Ourense coa Deputación que preside Baltar, senón tamén en San Caetano.
Jácome con Baltar | Foto: EP
Como nos ten afeitos, Gonzalo Pérez Jácome, alcalde de Ourense, soltou a bomba a través da súa conta persoal de Twitter, ao máis puro estilo Donald Trump. O rexedor auriense manifestou esta mañá que "debido á discriminación perpetua de Ourense", o partido que lidera, Democracia Ourensá, "concorrerá ás futuras eleccións autonómicas e estatais".
"Os recentes orzamentos estatais e autonómicos foron a pinga que colma o vaso, que confirman a OU como cincenta de España e Galicia", sentenciou o rexedor da terceira cidade de Galicia.
"O nacemento de DO como partido, en 2001, pivotaba sobre a discriminación da cidade e da provincia e tristemente isto non cesou", critican, e poñen o acento sobre a estación de tren da cidade "que nin está nin se lle espera" mentres que en Vigo "estreouse unha carísima estación". "É tal o vacile a Ourense que o proxecto de construír a estación foi aprobado polo Estado en decembro de 2011", reprochan.
RUPTURA CON FEIJÓO E BALTAR
Este golpe encima da mesa supón romper co pacto alcanzado cos populares e que lle concedeu o bastón de mando en 2019. O acordo entre Democracia Ourensá e o Partido Popular incluía dar continuidade ao baltarismo á fronte da Deputación de Ourense e que Democracia Ourensá, nese momento un partido puxante na provincia, non participase nas próximas autonómicas que acabou gañando Feijóo en xullo de 2020.
Ata o de agora, e a pesar dos moitos escándalos dentro e fóra do seu partido, con loitas internas incluídas que o deixaron practicamente só no poder, Jácome respectou o acordo. Pero as relacións co PPdeG parecen romperse e desde DO conclúen que o "pacto supramunicipal" que os levantou ao poder "non volverá producirse".
REGRESO Ás AUTONÓMICAS
Os orzamentos parecen ser a escusa perfecta para dinamitar as pontes cos populares, que agora ven como o escenario político pode cambiar xa que os votos que poida roubarlle DO en Ourense poden ser capitais non só para manter a Baltar, senón tamén para que Feijóo siga á fronte de San Caetano se decide presentarse á reelección.
Os populares levaron as pasadas eleccións cun aumento de escanos, pasando de 41 a 42, pero baixando no número de votos, produto da irrupción de Vox no taboleiro que, xunto con Cidadáns, roubou varias papeletas que parecían ir dirixidas nun primeiro momento a Feijóo. Agora, con Jácome decidido a medirse ao presidente da Xunta, as posibilidades dunha nova maioría absoluta do PPdeG volven diminuír.
As autonómicas non serán unha novidade para Democracia Ourensá -non así as xerais, onde aspira presentarse, segundo din, seguindo o modelo de Teruel Existe-, xa que participou nas de 2009, 2012 e 2016. Precisamente ese ano, no que En Marea coouse como segunda forza política do Parlamento, DO quedou a menos de 3.000 votos para lograr representación no Pazo do Hórreo.
Escribe o teu comentario