Seis anos sen facultade propia e rebotando de clase en clase: os alumnos de Farmacia plántanse mañá contra a USC
Hai polo menos unha xeración de farmacéuticos en Galicia que conseguiu o título sen pisar nunca a súa propia facultade, clausurada desde fai seis anos.
Os estudantes celebrarán mañá unha marcha no centro de Santiago de Compostela para denunciar a súa situación e reclamar solucións para un grao que leva "seis anos rotando" por distintas facultades.
Protesta de alumnos de Farmacia | Foto: EP
Alumnado do Grao en Farmacia da Universidade de Santiago (USC) chama a defender "un ensino público de calidade e unha formación digna para a profesión farmacéutica en todas as súas vertentes", polo que se manifestará este martes en Santiago de Compostela co fin de reivindicar unha nova facultade tras "seis anos rotando" por centros.
Segundo informou a Asemblea Aberta de Farmacia, convocaron unha manifestación este martes, 28 de setembro, ás 12,00 horas en Santiago de Compostela, que partirá da Praza Vermella "en protesta pola situación de extrema precariedade" na que aseguran que se atopan.
Segundo lamentan, contan con "unha docencia atomizada en distintas facultades" que lles "impide ter aulas presenciais"; así como "uns laboratorios de prácticas con mobiliario de principios dos anos 70".
Tamén critican "unhas prácticas obrigatorias non remuneradas" nas que exercen "como profesionais durante seis meses, 35 horas á semana", matizan. "Estas son circunstancias incompatibles cos estándares de calidade e suposta excelencia que se lle presumen á Universidade de Santiago de Compostela", abundan.
Por iso reclaman a actuación da Xunta de Galicia "sen máis demora", despois de "seis anos sen facultade por vertedura de hidrocarburos e problemas de estrutura --problemáticas que se coñecen desde o ano 2007--", lembran.
Con todo, esixen ao Goberno autonómico "un financiamento suficiente e específico" para a construción das "novas infraestruturas da Facultade de Farmacia e para o seu adecuado funcionamento".
Escribe o teu comentario