A canteira de Viñas nas Somozas debe parar porque opera con permiso de hai 25 anos, protestan veciños

Estiman que se dan as circunstancias para cesar a actividade para "garantir a seguridade de persoas e medio"

|

A declaración de impacto ambiental é do ano 1996 e os veciños aseguran que a canteira non cumpre as normas vixentes na actualidade.


Veciños das Somozas (A Coruña) protestan diante da Xunta para reclamar a “paralización inmediata” da canteira de Viñas.




Ao redor dunha trintena de veciños da parroquia de Recemel, no municipio das Somozas (A Coruña), concentráronse no mediodía deste mércores ante o edificio administrativo da Xunta en Ferrol para demandar ao Goberno autonómico "a paralización inmediata" da canteira de Viñas, ao estimar que se dan as circunstancias para cesar a actividade para poder así "garantir a seguridade das persoas, a integridade da poboación e do medio".

Acompañados do deputado autonómico do BNG Ramón Fernández, presentaron un escrito dirixido a Augas de Galicia, á Dirección Xeral de Minas e á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, solicitando que se cumpra a resolución aprobada por unanimidade do Parlamento de Galicia o pasado 16 de setembro, na que se "insta á Xunta a adoptar as medidas que sexan precisas" na devandita explotación mineira, e que en caso de ser necesario "decrétese a paralización para garantir a seguridade das persoas, arroios e ríos da zona, así como das vivendas e da circulación viaria".

O deputado do BNG asegurou "non entender como durante todos estes meses, os servizos da Xunta, a través das súas diferentes consellerías, que teñen competencia, están a pasar por alto os danos e prexuízos que se están producindo, e ao mesmo tempo que manteñen un tráfico epistolar en termos xurídicos e burocráticos, que parece que o que buscan é que os veciños abandonen as súas protestas".

Ramón Fernández detallou que a presentación deste escrito o que busca "é lembrar que hai este acordo do Parlamento de Galicia e que o poñan en práctica á maior celeridade".

NORMATIVA "MÁIS GARANTISTA"
O deputado autonómico tamén lembrou que a entidade veciñal da zona "xa presentou multitude de escritos nos que asegura que a Declaración de Efectos Ambientais (DEA), que data do ano 1996, ten que ser consideraba obsoleta, ten que ser considera caduca e a empresa debe de realizar unha nova declaración coa nova normativa, que é moito máis garantista".

O representante do BNG tamén subliñou que a interpretación que fai a Xunta é que "alí xa houbo actividade e debido a esa interpretación, máis que discutible, considera que esa declaración segue vixente", apuntando os veciños da zona que alí nunca houbo tal actividade, xa que a empresa á que se lle concedeu, xa desaparecida, "traballou alí quince días, retirou a terra vexetal, preparou o terreo, pero nunca chegou a explotar a devandita zona como canteira".

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE