"Dependemos da auga do monte e o vertedoiro pode contaminalo e tamén o do Tambre", advirten os veciños de Fecha


Galiciapress dialoga coa directiva da recentemente creada Asociación Ambiental e Cultural A Pedra que Fala sobre o proxecto dun vertedoiro nunha antiga canteira de San Xoán de Fecha.


|

Galiciapress dialoga coa directiva da recentemente creada Asociación Ambiental e Cultural A Pedra que Fala sobre o proxecto dun vertedoiro nunha antiga canteira de San Xoán de Fecha.


Un modelo de xestión de residuos, reutilizando canteiras abandonadas que o tempo converteu en lagoas en vertedoiro, que se estende por toda Galicia.





Cantera de Fecha, convertida en una laguna con el paso de los au00f1os en una imagen de la Asociaciu00f3n Ambiental y Cultural

Canteira de Fecha, convertida en lagoa ao longo dos anos nunha imaxe da Asociación Ambiental e Cultural

 

En que situación administrativa está agora mesmo o proxecto de vertedoiro promovido pola empresa Vértebra Ambiental nas antigas canteiras de cuarzo?


Pola nosa parte, descoñecemos que empresa está detrás da tentativa de instalar un vertedoiro en Fecha. Non podemos dicir que se trate da empresa que nos menciona, xa que tampouco dispoñemos de ningún documento oficial que nos informe da situación administrativa do proxecto. Enterámonos por rumores de que se está preparando algo, e a nosa labor está centrada en adiantarnos ao que poidamos para que o proxecto non siga adiante.



A zona afectada é rica en patrimonio cultural. Que efecto tería a instalación do vertedoiro nos recursos? 

A zona é riquísima en patrimonio cultural material e inmaterial, paisaxístico e medioambiental. O impacto sobre a zona sería enorme, ademais de que se faría sabendo que existe esa riqueza, xa que está estudada, avaliada e catalogada por expertos.


Instalar un vertedoiro sería un menosprezo ao valor patrimonial que ten a zona de Fecha e a súa contorna, e ao traballo de especialistas e investigadores (arqueólogos, espeleólogos, biólogos...) que poñen en valor o patrimonio que existe no rural (e moito aínda está por descubrir). Tamén supoñería menosprezar aquelas pedras que deixaron os nosos antergos, con sinais que acreditan a súa estadía no lugar. Ninguén vai ir visitar o seu legado se hai lixo, cheiros, ruidos de entrada e saída de camións e, en definitiva, contaminación.



E a nivel ambiental? Que impacto tería na flora e fauna que repoboaron as lagoas creadas nos buratos da antiga canteira? 

Afectaría á flora e a fauna que xa rexenerou de forma natural a canteira, incluíndo as lagoas que se formaron e que tamén albergan vida. A mina na que se extraía cuarzo, 40 anos despois, está recuperada. A propia natureza foille gañando terreo e foi cubrindo de verde os ocos que había; ata o punto de que a día de hoxe ao visitar o lugar non se aprecia que houbera unha mina como a concebimos; é unha zona máis do monte.


Loxicamente, se aí se empezan a abrir estradas para o paso de camións, a mover terras e demais, perderíase toda a natureza que hai agora. As antigas minas da Barquiña non son algo que estea deteriorado e haxa que encher, sería estropear unha paisaxe xa creada de xeito natural.


Outro ámbito de afectación serían as augas. Na zona existe unha enorme riqueza hídrica, cunha capa freática moi alta.


De onde xorde a auga baixan regatos polas vertentes leste e oeste, que xeran brañas ao seu paso e que regan árbores autóctonas. Toda a poboación dalí bebemos desa auga de gran calidade (non temos auga da traída). Persoas, animais e hortas dependen da auga que vén do monte e, coa altura á que se podería colocar o vertedoiro (case a 500 metros de altura), toda a contaminación xerada escorregaría ladeira abaixo ata chegar ao río Tambre, que abraza o monte.


Por último, a existencia dun vertedoiro tamén podería traer consigo a contaminación do aire (tanto pó coma gases) e ruidos molestos.



¿Ten prevista algunha outra acción de protesta despois do éxito da marcha hai unhas semanas? 

Para nós a andaina do día 5 foi un antes e un despois. Démonos a coñecer oficialmente como Asociación medioambiental e cultural e puidemos comprobar que a xente está sensibilizada coa causa. Non contabamos con tanta participación, así que foi un éxito e sobre todo un gusto saber que contamos co apoio de tanta xente aínda sendo unha zona de pouca poboación.


Non hai programada ningunha acción tan grande polo momento, pero en adiante repetiremos con pequenas intervencións. Por exemplo, para convocar aos veciños á marcha, foise casa por casa expoñendo a problemática e animando a todos e todas a unirse. Polo tanto, seguiremos coa labor de información e presentando cousas en adiante.



Representantes de varias forzas políticas asistiron á marcha. Cal é a posición dos diferentes partidos con representación no Concello de Santiago? 

As forzas políticas asistiron á andaina do 5 de setembro co cal, por ter asistido, estaban reivindicando o mesmo ca nós: a defensa do medio natural e do patrimonio cultural que temos no rural. Ademais, representantes dos diversos grupos están vindo a coñecer a zona, con gran sorpresa pola súa parte ao atopar un lugar no que xa "non hai un oco de mina", é un espazo natural con humedais e de riqueza paisaxística que non se pode desbaratar así como así.



O promotor do vertedoiro parece ser a consultora con sede en Sanxenxo Vertebra Ambiental. En principio, non está relacionado co controvertido proxecto veciñal de vertedoiro en Miramontes. Cres que hai algunha relación entre os dous proxectos? 

Como apuntabamos ao principio deste cuestionario, descoñecemos que empresa quere instalar o vertedoiro. Non cremos que teña relación con Casalonga, pero tampouco o podemos asegurar, xa que non sabemos quen está detrás nin temos ningún documento oficial ao respecto. O que si sabemos é que a práctica de encher de basura o rural aproveitando calquera resquicio de oco preexistente está á orde do día. Non hai máis que ver o vertedoiro de Miramontes, tan preto de nós.


Laguna en la cantera de Fecha, convertida en un espacio natural  en una imagen de la Asociaciu00f3n Ambiental y Cultural

 


relacionada Vecinos y políticos marchan contra la posible autorización de un vertedero en una mina de Fecha, Santiago

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE