Consternación en Vila de Cruces polo atropelo mortal a unha muller froito do choque ente un camión e un coche
O sinistro entre o vehículo particular e o camión derivou en que o primeiro, pola colisión, terminase atropelando á muller.
A pesar de que a muller foi atendia no lugar do sinistro, os equipos de emerxencia nada puideron facer por salvarlle a vida.
Unha ambulancia na estrada | Foto: EP
Unha muller faleceu na mañá deste luns tras ser atropelada por un turismo despois de que este chocase cun camión na estrada PO-905, no concello de Vila de Cruces (Pontevedra).
O 112 Galicia recibiu a chamada dun particular implicado no accidente que informou do ocorrido e indicou que unha muller estaba ferida.
Neses momentos, o alertante xa afirmaba que a persoa estaba a ser atendida, no punto, por persoal sanitario do centro de saúde da vila.
O Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 comunicou a saída cara ao lugar do helicóptero medicalizado con base en Santiago.
Tras ter coñecemento desta información, os xestores do 112 Galicia deron aviso á Garda Civil de Tráfico, a Protección Civil de Vila de Cruces, ao GES e ao Servizo de Emerxencias de Lalín.
Tamén foron informados os Bombeiros do Deza por se fose necesaria a súa intervención. Os servizos sanitarios que atenderon á muller no punto non puideron facer nada por salvarlle a vida.
Segundo confirmaron os membros de Protección Civil ao 112 Galicia, a colisión entre o camión e o vehículo fixo que este último, debido ao impacto, desprazásese cara atrás atropelando á muller.
Ademais, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia tamén solicitou a intervención do servizo de mantemento de estradas para realizar a limpeza da vía e garantir así as condicións de seguridade da mesma.
Escribe o teu comentario