(Vídeos) Insultos e intentos de agresión dos traballadores de ENCE contra Lores no pregón de Pontevedra

O goberno municipal analizará o informe da Policía Local para decidir se toma accións legais polos incidentes

|

Os traballadores, que retomaron a unidade de acción sindical, rebentaron o pregón das Festas da Peregrina. Foi necesario a intervención da UIP para salvagardar a integridade física do edil fronte algúns proletarios.


Traballador de Ence mostra o cu ás autoridades tras o pregu00f3n das festas de Pontevedra nunha imagan dun vu00eddeo de Canle Ru00edas Baixas

Traballador de Ence mostra o cu ás autoridades tras o pregón  das festas de Pontevedra nunha imagan de un vídeo de Canle Rías Baixas


Un centenar de traballadores de Ence boicoteou en Pontevedra a lectura do pregón das festas da Peregrina, a cargo da baterista Violeta Mosquera, a base de constantes berros, facendo soar chifres e bucinas, golpeando os seus cascos contra os valos e lanzando petardos e botes de fume.

ALGO MÁIS QUE ATAQUES VERBAIS
Os empregados da pasteira chegaron a romper o perímetro de seguridade cando as autoridades ---o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; e a concelleira de Festas, Carme da Silva, entre outros representantes municipais do BNG e do PSOE-retiráronse do palco da Alameda, sendo custodiados por axentes antidisturbios da Policía Nacional e a Policía Local, entre empuxóns e insultos por parte do persoal da fábrica.


 




Os traballadores concentrábanse nunha parte da Alameda desde minutos antes do acto, ao que se podía acceder previa reserva, mentres outro sector do perímetro estaba ocupado por cidadanía en xeral, entre a que se atopaban simpatizantes de colectivos ecoloxistas como a Asociación pola Defensa da Ría (APDR) de Pontevedra.

ATAQUES Á CIDADANÍA
Ao finalizar a lectura do pregón, o público que seguira o acto e abandonaba o recinto foi increpado e insultado polos empregados de Ence, que apropiáronse dos folletos impresos co texto da intervención da pregoeira e lanzáronllos aos asistentes, entre berros de "Ence si, paro non" e "Ence está en loita".

O momento de maior tensión produciuse cando o alcalde de Pontevedra e as demais autoridades abandonaron o palco da música, onde permaneceron varios minutos, para dirixirse a un local de hostalería próximo. Nese breve traxecto, os axentes protexeron ao rexedor municipal do acoso físico e verbal dos traballadores, que volveron lanzar folletos, ademais de producirse algún conato de agresión.

Durante o tempo que Miguel Fernández Lores, Carmela Silva e Carme da Silva permaneceron no local, chegaron a formarse dous bandos, separados pola rúa e senllos cordóns policiais: por unha banda, un grupo de persoas que corearon consignas contra a empresa, como "Ence, peche xa" e "A ría é nosa e non de Celulosas"; doutra banda, os traballadores da empresa, que continuaron protestando ruidosamente e despregando unha pancarta co lema "Ence si". 






Algúns traballadores insultaron aos seus opoñentes, como se poden ver en estas imaxes de Canle 7, encarándose con  xestos obscenos:



 



COMITÉ DE EMPRESA
Esta foi a primeiroa mobilización conxunta dos comités de empresa das oficinas centrais e da fábrica, representadas de forma maioritaria por CC.OO. e CIG, respectivamente, e co apoio das empresas auxiliares e os sectores forestal e do transporte.

"Mentres Pontevedra está de festa, Ence non está de festa, está en loita e seguiremos todas as semanas, se fai falta", advertiu o vicepresidente do comité da fábrica, Modesto Graña, que atribuíu os incidentes ás "provocacións" por parte dos partidarios do peche da empresa.

Graña asegurou que "non estaba previsto" que se producisen altercados: "Eu só vi nagresión verbal, non vin outra cousa", sinalou, sobre o momento no que rompeu o cordón de seguridade. "O ambiente estaba quente e caeuse nesas provocacións, non hai que darlle máis importancia", concluíu.

"Nunca estamos satisfeitos cando hai violencia", explicou a presidenta do comité das oficinas, Ana Cedeira, argumentando que son "traballadores" cuxo obxectivo era "facer ruído" durante o acto de apertura das festas da cidade.

"Non me gustan este tipo de actos e non o xustifico, pero comprendo como están os meus compañeiros", concluíu Ana Cedeira, lembrando que a empresa "xa se posicionou" e está disposta a ampliar as súas instalacións en Navia, "pero a Navia non podemos ir todos, co resultado de que 400 persoas vanse ao paro e máis de 5.000 familias quedan sen traballo", concluíu.

GOBERNO LOCAL
Pola súa banda, a edil de Festas, Carme daSilva, responsabilizou directamente á dirección de Ence e rexeitou que os incidentes se debesen a "persoas descontroladas", argumentando que "foi unha decisión premeditada" e atribuíndo o "comportamento violento" a que "tiñan orde de rebentar o pregón e rebentárono". 

Carme da Silva cualificou o sucedido como "unha falta absoluta de respecto á sociedade de Pontevedra e á pregoeira", reprochando aos manifestantes que non respectasen nin sequera a intervención de Violeta Mosquera, a quen agradeceu a súa "enteireza, dignidade e saber estar" a pesar das condicións nas que realizou a súa intervención.

A concelleira de Festas destacou os "momentos de enorme violencia e agresividade" que se produciron cando os traballadores de Ence dirixíronse cara ás autoridades: "Se non hai persoas lesionadas de gravidade, como o alcalde, foi pola Policía Local que, en moitos momentos, parou os golpes dirixidos a quen ía saíndo", precisou, sen chegar a valorar a intervención en coordinación cos antidisturbios da Policía Nacional.

POSIBLES ACCIÓNS
Precisamente, o goberno municipal esperará a coñecer o informe da Policía Local para valorar se o concello de Pontevedra exercerá algunha acción xudicial, en alusión a os posibles "danos nun oído" que sufriría un dos músicos que amenizaba o acto nos seus prolegómenos, cando un dos petardos lanzados polos traballadores de Ence explotou na parte posterior do palco onde se realizaba a lectura do pregón.

"Temos moitos antecedentes de cando a empresa manda parar a violencia, a violencia para" 



"Temos moitos antecedentes de cando a empresa manda parar a violencia, a violencia para", insistiu a edil nacionalista, que criticou os anuncios previos por parte dos representantes dos traballadores sobre que "se ían a comportar e respectar o pregón", aínda que "o comportamento foi totalmente diferente", engadiu, recalcando as "agresións con elevada violencia que pararon os axentes da Policía Local".

Situado entre o público que acudiu á Alameda de Pontevedra en torno ao perímetro de seguridade e no extremo oposto ao que ocupaban os empregados da fábrica, o presidente da APDR, Antón Masa, asegurou que recibira insultos --aos que non respondeu-- por parte dos traballadores. "Ence colocouse hoxe en contra da cidadanía de Pontevedra, que non pode gozar das festas", advertindo do "custo social" que lle carrexará á empresa.

En canto ao persoal da pasteira, Masa lembrou que "se equivocan de inimigos, que non son nin o BNG nin o PSOE, nin a APDR, nin a cidadanía de Pontevedra", senón "a propia empresa, xunto co sindicato CCOO e o PP". O presidente do colectivo ambiental criticou aos representantes dos traballadores que "no canto de defender os postos de traballo, defenderon sempre os intereses da empresa, á que lle importa tres pitos os empregados, porque se marchará onde resúltelle máis rendible a man de obra e o prezo da madeira".

PREGÓN
En canto ao pregón de Violeta Mosquera, a integrante do grupo de punk rock galego Bala non aludiu na súa intervención ao conflito laboral en Ence, centrándoa na súa experiencia vital en Pontevedra durante os últimos anos, o impacto da crise causada pola pandemia no sector cultural e o seu compromiso social co coidado do medio ambiente, o feminismo e mesmo o seu activismo antitaurino.

"E se queredes ruído de verdade, en Campolongo esta noite, iso si que vai ser ruído!", ironizou Violeta Mosquera ao final do pregón, referíndose á sonora pitada dos traballadores de Ence fronte á potencia musical do concerto que ofrecerá coa súa compañeira de Bala, Anxela Baltar.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE